Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • A nova rede dotará ao concello de Lalín dunha infraestrutura tecnolóxica moderna e adaptada ás necesidades dunha Administración pública totalmente electrónica.

 

Domingo, 5 de xuño de 2022

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, licitará a vindeira semana a renovación da súa rede de ‘switching’ co obxectivo de consolidar a modernización electrónica e achegar os servizos públicos aos veciños a través das TIC, ao mesmo tempo que asegura a axilidade e a seguridade na tramitación de expedientes administrativos a nivel interno.

 

A Administración pública xoga un papel fundamental como axente que propicia a Sociedade da Información e como axente que se ve afectado por ela. A aprobación en outubro do 2015 da normativa para a reforma do funcionamento das Administracións Públicas reforza a implantación dunha Administración totalmente electrónica, interconectada, transparente e cunha estrutura clara e simple, ademais de consagrar os dereitos da sociedade a relacionarse coas Administracións Públicas a través das TIC.

 

Neste contexto, o concello de Lalín está a dotarse dos medios tecnolóxicos, xurídicos e organizativos necesarios para atender o exercicio de dereitos por parte dos veciños e está a traballar e a analizar o seu grao de madurez para seguir avanzando nos distintos niveis de prestación de servizos cara ao cidadán.

 

Así, dispoñer dunha electrónica de rede (‘switches’) correctamente dimensionada permitirá cumprir cos parámetros de calidade de servizo e seguridade. Isto cobra especial relevancia no edificio do concello de Lalín, onde conflúen servizos telemáticos para o cidadán, ferramentas informáticas internas e servizos de comunicacións entre as diferentes sedes municipais, ademais dos novos sistemas de ‘Smart City’.

 

UNHA ADMINISTRACIÓN LOCAL EFICIENTE, SEGURA E ÚTIL

A empresa que resulte adxudicataria dos traballos de implantación da nova rede de ‘switching’ do concello de Lalín deberá implantar (subministrar, instalar, configurar e poñer en marcha) e manter a nova electrónica de rede municipal, integrada por un mínimo de dez ‘switches’: dous ‘switches’ CORE de alta dispoñibilidade e balanceados de polo menos 12 portos 10Gb SFP+ e 12 portos 1Gb/10Gb-T; tres ‘switches’ BACKBONE dun mínimo de 24 portos 10/100/1000BASE-T, un deles, como mínimo, con PoE en todos os seus portos; e cinco ‘switches’ de ACCESO dun mínimo de 48 portos 10/100/1000BASE-T PoE.

 

Todos os ‘switches’ serán apilables con chasis formato rack 19” e situaranse nos armarios existentes para ser conectados coa rede do Concello. Así mesmo, cada ‘switch’ terá que estar capacitado para fornecer a suficiente potencia que demanden os equipos do consistorio, incluíndo a posibilidade de configuración de calidade de servizo QoS. Igualmente, o sistema debe poder ser xestionado e monitorizado remotamente.

 

O equipamento ofertado deberá posuír ou estar en proceso de obter algunha das seguintes certificacións que garantan a súa seguridade e o cumprimento do ENS por parte do Concello, ademais de Soporte IPv4 e IPv6, Soporte VPN N2 e N3, Soporte de servizos de encamiñamento de nivel 3 IPv4, Priorización QoS, Operación e mantemento: Mirroring, Interface GUI para unha configuración completa e o cumprimento das regulacións ambientais e de seguridade pertinentes.

 

A empresa que resulte adxudicataria do servizo deberá dotar tamén ao personal do Concello dos coñecementos e da documentación necesaria para o manexo do sistema.

 

A renovación da rede existente levarase a cabo en dúas fases. Nunha primeira inclúese a subministración, instalación, configuración e soporte á posta en servizo durante o primeiro ano. A segunda é unha fase de mantemento, coa operativa da electrónica de rede xa en funcionamento, durante os tres anos seguintes á implantación e  allea á Estratexia DUSI Lalín Ssuma21.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

A contratación da renovación da rede de ‘switching’ do concello de Lalín está enmarcada parcialmente na LA01 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'.

 

Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT2 de POPE 2014-2020 ('Desenvolver o uso e a calidade das TICs e mellorar o seu acceso'); e, en concreto, ao seu Obxectivo Específico 2.2.3 dirixido a promover as TIC en Estratexias de desenvolvemento urbano integrado a través de actuacións en Administración electrónica local e 'Smart Cities'. Esta contribución materializarase mediante o impulso de ferramentas que melloren a axilidade, transparencia e seguridade das interaccións entre os cidadáns e a administración do concello de Lalín; e desta con outras administracións.

 

A inversión total nesta liña de actuación é de 182.400,00 €, dos cales 145.920,00 € proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 36.480,00 €, son achegados polo concello de Lalín.

 

TAGS