Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • A calidade do produto local e o consumo de proximidade son fundamentais para dinamizar o comercio en Lalín.

 

  • O agroalimentario é o sector productivo con máis proxección.

 

  • O Concello porá en marcha, dentro da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, un espazo de asesoramento especializado para o comercio local nun novo edificio municipal en Manuel Rivero.

 

 

Domingo, 18 de setembro de 2022

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, está a traballar en diferentes medidas de apoio ao tecido comercial local, con especial fincapé nos colectivos desfavorecidos. Así, existe un servizo de asesoramento, que proximamente contará cun espazo propio no novo edificio que se fará na rúa Manuel Rivero, e unha plataforma de comercio electrónico local (MercaLalín), ademais de levarse a cabo diversas actuacións de fomento do consumo de productos locais.

 

O obxectivo principal desta liña de actuación é impulsar o sector comercial e a produción e transformación agroindustrial no concello de Lalín, baseándose na calidade do produto local e no consumo de proximidade, fomentando tamén novas canles de comercialización e promoción dos produtos agroalimentarios lalinenses noutros mercados.

 

O comercio de Lalín está a sufrir nos últimos anos pola merma de parte do tecido industrial nos anos da crise económica, especialmente entre as mulleres e os mozos. Neste contexto, o Concello detecta a necesidade de apoiar este sector no eido local, enfocándose especialmente á rehabilitación do tecido comercial retallista e ao fomento da innovación para que os negocios poidan adaptarse e ser máis competitivos nos novos tempos. Tamén no que atinxe á comercialización, o márketing e a distribución do incipiente sector vinculado á transformación industrial da produción agrogandeira (agricultura ecolóxica, gandeiría, apicultura) e artesanal, moi importantes en Lalín.

 

 

UNHA ENQUISA PARA COÑECER AS NECESIDADES DOS VECIÑOS

 

Para coñecer máis polo miúdo as necesidades que os lalinenses ven no comercio local e definir así mellor a súa estratexia de apoio, o Concello levou a cabo unha enquisa entre os comerciantes e veciños. Nela, ata un 84% dos participantes consideran que Lalín é un concello atractivo para vivir e máis dun 60% pensa que tamén o é para ir de compras, aínda que a porcentaxe baixa ata un 52% cando falamos de Lalín como lugar para montar un negocio.

 

En canto ás melloras suxeridas para o comercio local, destaca a mellora dos prezos e, en segundo lugar, a variedade, máis demandada especialmente polos máis novos. En terceiro lugar, está a mellora das promocións. E no cuarto posto, a necesidade de mellorar as políticas de devolucións. Os participantes na enquisa sinalan tamén a necesidade dunha maior formación e profesionalización do persoal.

 

No que atinxe aos horarios comerciais, máis dun 60% dos lalinenses consideran adecuados os horarios comerciais locais, aínda que 2 de cada 10 pensan que tamén deberían abrir os sábados pola tarde e case un 14% que deberían pechar máis tarde.

 

Especialmente significativo é o coñecemento e o uso que os veciños fan da Praza de Abastos. Catro de cada dez lalinenses non van nunca comprar á Praza de Abastos e un 30% vai, como moito, unha vez ao mes. O estudo reflexa que a ampliación da oferta comercial existente axudaría a mellorar estes datos.

 

En canto ao sectores nos que Lalín debería basear o seu desenvolvemento económico, unha ampla maioría fai fincapé no sector agrícola, seguido a moita distancia do sector industrial.

 

 

DEMANDAS DO SECTOR COMERCIAL LOCAL E ACCIÓNS DENDE O CONCELLO

 

No que se refire ás demandas por parte dos comercios de Lalín, a necesidade principal é "concienciar a xente de Lalín para que merque no mercado local e tamén o produto de proximidade", segundo nos di Karen Fernández, Concelleira de Comercio, Promoción Económica e Feiras do Concello de Lalín.

 

Outra é dinamizar ao comercio e hostalería con diferentes campañas durante o ano para animar a que a xente merque nos negocios locais. Neste senso, o Concello, mediante un convenio coa AEDEZA, xa puxo en marcha campañas nas Rebaixas de Invierno, en Nadal, en San Valentín, no "Día da nai", na "Volta ao cole" ou no "Black Friday", entre outras. Mención especial merecen a campaña "Aldeas de Nadal", un proxecto moi ambicioso que atrae a milleiros de persoas ao concello de Lalín, e a II Festa del Comercio – "Comercio local para ti". Para os máis pequenos, "Xoga Lalín", con dous meses de actividades pensadas para axudar a dinamizar a hostalaría local.

 

A posta en marcha dun plan de formación para o pequeno comercio, unha necesidade na que coinciden veciños e comerciantes, tamén figura na axenda de actuacións previstas. O adecentamento nas zonas comerciais para que resulten máis atractivas é a outra demanda destacada por parte do sector comercial.

 

 

MEDIDAS DE APOIO E ASESORAMENTO AO COMERCIO LOCAL

 

O concello de Lalín conta con personal especializado ao que o sector comercial local pode dirixirse para saber máis sobre as diferentes accións e axudas postas en marcha pola administración local, como as subvencións para emprendedores ou as axudas post Covid.

 

Na actualidade, o Concello conta cunha Técnica de Comercio e tamén a AEDEZA (Asociación de Empresarios do Deza) informa sobre as medidas de apoio ao comercio e á hostalaría local. Proximamente, o Concello ten prevista a habilitación dun espazo propio específico nunha pranta do novo edificio municipal no n.º 1 e no n.º 3 da rúa Manuel Rivero.

 

Ademais, toda a información se comunica na propia páxina web e nas redes sociais municipais, a través de cartelaría e na prensa local.

 

 

BENEFICIARIOS, BALANCE E FUTURO DO PLAN DE ACTUACIÓN

 

A día de hoxe, máis de 500 empresas, tanto PEMES coma autónomos, se beneficiaron xa das medidas de apoio, especialmente demandadas entre os sectores do comercio, a hostalaría e pequenos produtores locais.

 

Dende o Concello resaltan a importancia e os valores do comercio local e confían en que estas medidas contribúan a consolidar a súa posición no mercado. Karen Fernández destaca que "no comercio de Lalín temos un produto de 1ª calidade, o cal é un punto de partida para á atracción de xente ao pobo. E véndese e publícase a través dos mercados sabatinos, feiras e no Mercado da Praza de Abastos".

 

Desa premisa xorden dous dos grandes obxetivos que o Concello plantexa para seguir a dinamizar o comercio local: o acondicionamento da Praza de Abastos coa idea de conseguir que sexa un punto de referencia local, xa que considera que é unha das arterias principais de calquera pobo; e conseguir o selo de calidade para o produto de Lalín.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

As Medidas de Apoio para a comercialización e innovación do comercio local e das novas iniciativas de produción agroalimentaria están enmarcadas na LA12 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'.

 

Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT9 de POPE 2014-2020 ("Fomentar a inclusión social e a loita contra a pobreza"); e, en concreto, ao seu Obxectivo Específico 9.8.2 para a rexeneracion física, económica e social da contorna urbana en áreas urbanas desfavorecidas a través de estratexias urbanas integradas. Esta contribución materializarase mediante a creación de condicións favorables para unha recuperación económica, principalmente de colectivos desfavorecidos, a través da formación, a innovación e a promoción en sectores como o comercio e a produción e transformación agroindustrial que se consideran con potencial en Lalín.

TAGS