Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • A mellora da eficiencia enerxética, do control de residuos, do estacionamento, do sistema de rega e da climatoloxía son algunhas das áreas de actuación do “Plan Smart City Lalín”.

 

  • O Concello xa licitou a plataforma “Lalín Infinito”, coa que se facilitará a xestión centralizada de toda a información.

 

 

Domingo, 02 de outubro de 2022

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, está a traballar na transformación de Lalín nunha cidade intelixente, tamén chamada "Smart City", baseándose no aproveitamento do progreso tecnolóxico e apostando pola integración das TIC para mellorar a eficacia no funcionamento das infraestructuras e dos servizos públicos municipais.

 

Con este obxectivo, nas rúas Principal e Loriga xa se levaron a cabo varias actuacións para poñer en marcha tecnoloxías intelixentes en ámbitos coma a mobilidade, a eficiencia enerxética ou o control de residuos, rega e meteoroloxía, o que as converte nas primeiras “rúas intelixentes” de Lalín.

 

Ata o de agora, o concello de Lalín non dispoñía de ningunha solución "Smart" en servizos públicos esenciais máis usados, tales coma a rede de abastecemento, a xestión de residuos, iluminación ou aparcamento, o cal dificultaba a súa xestión e modernización para acadar unha maior eficiencia.

 

As actuacións do "Plan Smart City" do concello de Lalín aspiran a reducir custos na prestación dos servizos públicos mantendo a calidade, mellorando o seu mantemento ou aumentándoo de forma non proporcional e vantaxosa, e tamén facer posible a prestación de novos servizos.

 

Neste senso, mediante estes traballos, mellórase a rede wifi e créanse novas verticais para optimizar os servizos de control de estacionamento, a supervisión e recollida de residuos, e ser máis eficientes no consumo de luz, auga e no mantemento da rede de abastecemento, ademais de mellorar a propia plataforma actual "Smart City".

 

 

A XESTIÓN DE RESIDUOS OU DE APARCAMENTO, ENTRE AS PRINCIPAIS ACTUACIÓNS DO PLAN “SMART CITY”

 

Os traballos que xa se realizaron responden ás necesidades e ás oportunidades detectadas no "Plan de Transformación Dixital 2019-22". Nesta liña, a modernización tecnolóxica é xa realidade nas rúas Principal e Loriga, nas que se puxo en marcha un piloto de rúa intelixente grazas ao que se levan á práctica diferentes solucións “Smart City”.

 

Unha das accións postas en marcha afecta á recollida de residuos urbanos facendo uso das novas tecnoloxías mediante un sistema “Smart” baseado en sensores ubicados nos contenedores de dúas rutas de recollida, de tal xeito que permitan auditar os parámetros de calidade do servizo e ademais monitorizar o volume de residuos nos contenedores e o seu vaciado.

 

A xestión da zona azul e doutras zonas de aparcamento de Lalín tamén se beneficia da implantación dun sistema automático de control do tempo de estacionamento.

 

Para mellorar a eficiencia enerxética da rede de alumeado municipal, habilítase o control, xestión e monitorización das luminarias dos edificios públicos.

 

Doutra banda, pónse en marcha un servizo de información ambiental que permite acceder á información meteorolóxica e aos parámetros ambientais en función da localización grazas a un sistema de sensores.

 

Tamén a rede de abastecemento se verá mellorada mediante sensores, actuadores, válvulas e contadores intelixentes que permiten a optimización da súa xestión e axudan á prevención de roturas ou fugas.

 

Ademais, outro sistema “Smart” optimiza o funcionamento dos aspersores de rega e ampliouse o sistema de cartelería dixital.

 

 

LICITACIÓN DE LALIN INFINITO, A PLATAFORMA INTEGRAL DO “PLAN SMART CITY”

 

Todas estas solucións “Smart” estarán integradas nunha "solución integral Smartcity", unha Plataforma de Xestión Integral que permitirá a interconexión de todos os compoñentes e facilitará o control e a xestión centralizada de toda a información.

 

O concello de Lalín xa licitou a implantación e o mantemento desta plataforma, "Lalín infinito", que permitirá ofrecer servizos personalizados aos veciños e mellorar a experiencia dos usuarios na súa relación coa Administración Local e cos servizos da cidade.

 

Así, coa súa implantación incluirase un portal web e unha APP que se poidan empregar coma a "tarxeta cidadá virtual" de Lalín, de tal xeito que se consiga unha maior transparencia facilitando o acceso aos contidos do Concello dirixidos aos veciños, aos turistas e a outros colectivos, completados con recursos multimedia, ademais de outros servizos coma a xestión de reservas de eventos ou de zonas de aparcadoiro.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

 

O lanzamento do "Plan Lalín Smart City" está enmarcado na LA05 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'.

 

Esta operación contribúe de forma efectiva aos obxectivos do POPE 2014-2020 ("Desenvolver o uso e a calidade das TIC e mellorar o seu acceso"), e, en concreto, ao seu Obxectivo Específico 2.3.3 dirixido a promovedor as TIC en estratexias de desenvolvemento urbano integrado a través de actuacións de administración electrónica local e "Smart Cities". Esta contribución materializarase mediante o lanzamento de iniciativas "Smart Cities" que melloren a calidade e a eficiencia na prestación de servizos públicos do concello de Lalín.

TAGS