Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO LICITA AS OBRAS DE REMODELACIÓN DA AVENIDA XOSÉ CUIÑA PARA CONVERTELA NUNHA VÍA-PARQUE DE 30 METROS DE ANCHO E NUN VIARIO ESTRUTURANTE DE LALÍN

  • As obras enmárcanse na liña de actuación “LA11: Pasarelas Verdes de Continuidade Urbana Sostible e Seguras” da estratexia EDUSI cofinanciada nun 80% con Fondos FEDER

 

  • O proxecto, que busca a mellora da seguridade urbana e aumentar os espazos verdes da vila, foi realizado polo arquitecto Luis Fernández Fernández

 

Sábado, 9 de xullo de 2022

O Concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, vén de licitar os traballos de remodelación da Avenida Xosé Cuíña como último paso da Liña de Actuación 11 centrada nos traballos de creación de “Pasarelas Verdes de Continuidade Urbana Sostible e Seguras”, cofinanciada nun 80% con Fondos FEDER no Marco del Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 e actualmente integrado no POPE 2014-2020. O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 27 de xullo ás 10 horas.

 

O Concello contempla con estas obras varias melloras na Avenida Xosé Cuiña comezando pola seguridade urbana e o progreso na habitabilidade fomentando espazos verdes intercalados en zonas atravesadas por vehículos motorizados. Ademais, con esta licitación búscase facilitar o uso de vehículos non motorizados, aumentar os espazos verdes da zona urbana e mellorar as conexións periurbanas coa creación de pasarelas verdes de continuidade urbana sostible e a implantación de elementos de seguridade.

 

O proxecto realizado polo arquitecto Luis Fernández Fernández, colexiado n.º 4151 COAG, establece o deseño da Avenida Xosé Cuiña coma un viario representativo e estruturante do núcleo de Lalín e o seu tratamento coma unha vía-parque cun ancho de 30 metros.

 

 

A este respecto, coa licitación das obras defínese unha solución de deseño integral para a súa urbanización, que comprende a totalidade da avenida Xosé Cuiña, denominando este ámbito como ‘Área integral de actuación’. A vía obxecto de deseño conta con dous tramos rectos divididos por unha rotonda intermedia, de acceso á rúa Escaldes-Engordany, que se remata polo sur na rotonda de Donramiro e polo norte na rotonda da Corredoira.

 

A área obxecto da actuación da próxima contratación corresponde co tramo sur da avenida Xosé Cuiña, que comprende dende a rotonda de Donramiro, na intersección das rúas de Donramiro e de Ramón Aller coa propia vía, ata a rotonda (Regueiriño) de acceso á rúa Escaldes-Engordany. Ademais incorpórase a urbanización da marxe oeste da avenida Xosé Cuiña dende esta rotonda ata a ponte sobre o cauce do río Pontiñas, resolvendo o acceso non motorizado ao propio paseo fluvial. Esta área denomínase ‘Ámbito de actuación’, no que o proxecto define e desenvolve as obras necesarias de obra civil e de infraestruturas urbanas para a súa urbanización.

 

 

PASARELAS VERDES E DE CONTINUIDADE

 

As obras da avenida Xosé Cuíña son as últimas que faltan por executar dentro da Liña de Actuación 11 de “Pasarelas Verdes de Continuidade Urbana Sostible e Seguras”. Esta operación ten como obxectivo atravesar as barreiras que dificultan a mobilidade sostible entre o centro de Lalín e algúns dos seus núcleos periurbanos, en concreto catro: a avenida Xosé Cuiña, de próxima licitación, e as xa rematadas da Carballeira do Rodo e dos núcleos de Xaxán e de Goiás.

 

En todos eles a actuación vai orientada a evitar o tránsito peonil en estradas, habilitándose para tal feito sendas peonís paralelas, denominadas “pasarelas verdes de continuidade”, e, desta maneira, auméntase considerablemente a seguridade do seu uso. Tanto nas obras xa rematadas da Carballeira do Rodo e dos núcleos de Xaxán e de Goiás, coma nas futuras obras da avenida de Xosé Cuíña, estes camiños son accesibles para persoas con mobilidade reducida, un compromiso co benestar das persoas con discapacidade e coa integración social.

 

Facer das sendas e camiños unha ruta peonil segura aumentará o seu uso recreativo, pois discorren a través de lugares únicos e altamente atractivos mellorando o coidado e a relevancia da contorna natural como columna vertebral de políticas de desenvolvemento urbano.

 

Cada unha das actuacións previstas teñen certas especificidades e, na avenida Xosé Cuiña, a zona de actuación abarca parte do ámbito da avenida Xosé Cuíña. Abarca dende a rotonda da avenida Cruces, onde se produce a intersección coa rúa da Ponte e coa rúa da Corredoira, ademais da avenida Cruces, ata a rotonda onde se produce a intersección coa rúa de Donramiro e coa rúa Ramón Aller.

 

A actuación prevista na avenida Xosé Cuiña contempla a reordenación da circulación destinada a vehículos e a peóns, incluíndo o acceso dende esta vía ao paseo fluvial do río Pontiñas, a substitución e a execución de novos pavimentos, a introdución de vexetación, así coma a execución dos servizos urbanísticos necesarios para a zona de actuación, unha zona de aproximadamente 29.000 metros cadrados.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

 

Esta actuación está enmarcada na LA11 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'. Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT 6 de POPE 2014-2020 (Conservar o medio ambiente e impulsar a eficiencia de recursos), e en concreto, ao seu Obxetivo Específico 6.5.2 (“Accións integradas de revitalización de cidades, de mellora da contorna urbana e do seu medio ambiente”). Esta contribución materialízase mediante a habilitación de catro sendas peonís que facilitarán a conectividade sostible entre o centro de Lalín e parte dos seus núcleos periurbanos rurais. Ademais, contribúe á Prioridade de Inversión 6e (Accións dirixidas a mellorar a contorna urbana, revitalizar as cidades, rehabilitar e descontaminar vellas zonas industriais (incluídas zonas de reconversión), reducir a contaminación atmosférica e promover medidas de redución do ruído), mellorando a contorna urbana a través destas catro pasarelas verdes de continuidade.

 

A inversión total que xa vai realizar nas obras da cuarta senda, a da Avenida de Xosé Cuiña é de 971.040 € sen IVE, dos que parte están financiados con fondos FEDER e a outra parte con fondos municipais.

 

TAGS