Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • Tras máis de tres anos de funcionamento, na páxina da ferramenta rexistráronse 559 incidencias que foron directamente resoltas polas empresas concesionarias correspondentes e coordinadas por varios concelleiros municipais.

 

  • A meirande parte das incidencias estiveron relacionadas con fallos de iluminación, pero tamén houbo algunhas deficiencias relacionadas con desperfectos nas rúas (tipo fochancas) e con todo o relacionado coa limpeza ou recollida do lixo.

 

Domingo, 26 de xuño de 2022

O concello de Lalín destaca a eficiencia e a rápida resposta dos seus departamentos e responsables á hora de resolver con eficacia as 559 incidencias enviadas polos veciños a través da ferramenta TIC de mapeo de deficiencias posta en marcha hai máis de tres anos polo consistorio municipal.

 

A ferramenta TIC de mapeo de deficiencias implantouse no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21 para que os veciños da vila tivesen a posibilidade de informar ao Concello sobre os problemas que eles se atopasen de primeira man. Esta ferramenta foi creada a través da Liña de Actuación 03 centrada en “Desenvolver o uso e a calidade das TIC e mellorar o seu acceso” que está cofinanciada nun 80% con Fondos FEDER no Marco del Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020 e actualmente integrado no POPE 2014-2020.

 

Coa implantación desta ferramenta, dispoñible no menú ‘Incidencias’ da páxina https://www.lalin.gal/servicios, buscábase unha áxil identificación, comunicación, xestión e resolución das deficiencias detectadas a nivel municipal, o que debería levar a un incremento da confianza e da seguridade dos veciños de Lalín, xa que son eles, de primeira man, quenes poden expoñer esas deficiencias e ver cal é a resposta do Concello para resolvela.

 

Dende o Concello destacan que esta actuación permite, polo tanto, acurtar sensiblemente os tempos de xestión e de solución de cada deficiencia, sendo máis eficientes y mellorando a satisfacción dos cidadáns das máis de 50 parroquias e 350 aldeas de todo o territorio municipal de Lalín. Permite, ademais, almacenar e explotar una serie de información que pode servir de base á hora de prantexar certos plans ou estratexias en zonas concretas do municipio.

 

O deseño e a implantación desta ferramenta TIC na páxina do Concello fixo necesaria a definición dunha serie de procesos e de responsables para xestionar cada tipoloxía de deficiencia de maneira eficiente e dando unha resposta e solución rápida a cada caso. Ademais tamén se necesitou dun sistema xeorreferenciado que facilitase a identificación de cada incidencia por parte dos cidadáns e a xestión da resolución por parte do Concello. Este sistema permite monitorizar as actuacións realizadas ou pendentes e obter información delas por zonas e prazos.

 

 

PROBLEMAS COA ILUMINACIÓN, O MÁIS DESTACADO

 

O concello de Lalín recibiu dende a posta en marcha da ferramenta 559 incidencias, todas elas postas por veciños da vila. A maioría das queixas, arredor do 70%, sinalaban diferentes deficiencias na iluminación municipal. Incidencias que a empresa concesionaria revisou e solventou en poucos días. A meirande parte destes casos foron causados por fallos no sistema automático que coordina o encendido da iluminación.

 

A seguinte tipoloxía de incidencias máis frecuente foron as relacionadas con desperfectos nas rúas. Fochancas, tellas que se moven, baches ou buracos no asfaltado foron o 14% das incidencias totais. Séguelle na listaxe recibida polo Concello as deficiencias relacionadas co lixo. O 7% das mensaxes recibidas eran peticións de veciños de Lalín requerindo a limpeza de rúas ou lugares determinados ou solicitudes de reposicións de contenedores.

 

Por último, os veciños tamén pediron solucións para incidencias relacionadas coa xardinería (arredor do 5% do total); sobre todo pedindo desbroces, podas de árbores ou limpezas de camiños; e tamén con todo o relacionado cos sumidoiros (o 4%) , é dicir coa súa limpeza e co seu mantemento.

 

 

 

COMO FUNCIONA A FERRAMENTA TIC

 

A ferramenta tecnolóxica que xa está en marcha para o uso dos cidadáns ten, de xeito resumido, o seguinte funcionamento:

 

Ante unha deficiencia os cidadáns poden acceder vía web (https://www.lalin.gal/servicios) á ferramenta e comunicar a incidencia, vía texto ou cuestionario, que se pode acompañar cunha imaxe. Acto seguido, o sistema de xeorreferencia mediante un “SIX” rexistra a incidencia e en función das súas  características envía unha alerta ao responsable municipal técnico da xestión dese servizo (auga, iluminación pública, instalación deportiva, vía pública, etc) e ao responsable político. No seguimento o cidadán recibirá un retorno do estado da incidencia comunicada (resolta, non procede, etc) e os responsables municipais coñecerán tamén da evolución do seu estado.

 

Deste proceso pódese obter un mapeo de deficiencias non so xeográfico, se non tamén polos diferentes servizos. Ademais o sistema permite facer un seguimento das respostas ás incidencias municipais por parte das empresas concesionarias, sabendo dese xeito a súa resposta en canto a tempo e eficacia, e podendo servir tamén para a vixiancia e control dos diferentes servizos externalizados.

 

Outro beneficio desta ferramenta TIC é a obtención de datos que permiten saber qué servizos precisan mais atención, que lugares rexistran mais deficiencias, a distribución temporal, etc. En definitiva obter un mapa continuo das incidencias e o seu grao de resolución.

 

Por último, non hai que esquecer que con esta ferramenta se pode estandarizar e ordear a comunicación de incidencias: sen obviar as outras posibles canles o cidadán obtén un sistema que lle permite un retorno e que identifica  responsabilidades na súa xestión.

 

 

MELLORA DO USO DAS TIC NO CONCELLO

 

A creación desta ferramenta TIC de mapeo de deficiencias pretende facer máis fácil e transparente a accesibilidade aos servizos municipais para todos os cidadáns apostando pola súa eficiencia e impulsando a conversión do concello de Lalín nunha Cidade Intelixente en todos os ámbitos e sectores.

 

Cando se fala dunha “Ferramenta TIC” refírese a un investimento nun software online, ou sexa, un ben de carácter inmaterial. Unha ferramenta ou sistema que permite a xestión de incidencias e de deficiencias nos servizos públicos do concello de Lalín para contribuír ao seu mellor funcionamento.

 

Os obxectivos fundamentais deste sistema, polo tanto, son unha mellora da xestión dos servizos públicos, optimizar o seu mantemento e diminuir o tempo de resposta na xestión de incidencias.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

 

O desenvolvemento e implantación da ferramenta TIC para o mapeo de deficiencias no Concello de Lalín está enmarcada na LA03 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'. Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT 2 de POPE 2014-2020 (“Desenvolver o uso e a calidade das TIC e mellorar o seu acceso”); e en concreto, ao seu Obxectivo Específico 2.3.3 (Promover as TIC en Estratexias de desenvolvemento urbano integrado a través de actuacións na Administración electrónica local e en Smart Cities”). Esta contribución materializarase mediante a mellora da eficiencia na xestión e na resolución das deficiencias detectadas a nivel municipal mediante a implantación dunha solución TIC para unha áxil identificación, comunicación, xestión e resolución, que mellore deste modo a confianza e a seguridade dos ciudadáns de Lalín. Ademais, contribúe á Prioridade de Inversión 2c, vinculada ao reforzo das aplicacións das TIC para a Administración electrónica, a aprendizaxe electrónica, a inclusión electrónica, a cultura electrónica e a sanidade electrónica.

 

O investimento total que se realizou no desenvolvemento e na posta en marcha desta ferramenta TIC de mapeo de deficiencias foi de 8.445,40 €, dos cales o 80%, 6.756,64€, proveñen dos fondos FEDER, e o 20% restante, 1.689,16€, foron achegados polo concello de Lalín.

 

TAGS