Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

A XUNTA DE GOBERNO APROBA INICIAR O EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DO PROXECTO BÁSICO E DE EXECUCIÓN DA “REHABILITACIÓN DA ÁREA URBANA DE INTERESE CULTURAL E PATRIMONIAL DE DONRAMIRO” POR UN MÁXIMO DE 54 MIL €

  • A responsable da EDUSI explica que esta actuación abrangue a rexeneración do espazo público ao redor da igrexa e do Castro de Donramiro e a rehabilitación de inmobles para a creación dun novo equipamento sociocultural para a posta en valor deste pequeno conxunto rural catalogado no Plan Xeral e tamén para a musealización dos seus atractivos turísticos e patrimoniai

Sábado, 4 de decembro de 2021

A Xunta de Goberno Local vén de dar o visto bo ao inicio do procedemento de licitación da actuación de rexeneración do espazo público ao redor da igrexa e do Castro de Donramiro e a creación dun novo equipamento sociocultural mediante a aprobación do expediente de contratación do contrato de servizos denominado “Redacción do proxecto básico e de execución, dirección facultativa, coordinación de rehabilitación da área urbana de interese cultural e patrimonial de Donramiro”, cofinanciado nun 80% por FEDER no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020”, así como o prego de prescricións técnicas e o prego de cláusulas administrativas particulares.

Así o sinala a responsable da Estratexia EDUSI Lalín Ssuma 21 e tenente alcalde, Paz Pérez, que indica que para este fin se vén de autorizar un investimento por un importe máximo de 54.949 €, IVE incluído.

Este procedemento, de contratación mediante procedemento aberto simplificado e tramitación ordinaria, ten como fin definir un proxecto orientado á recuperación e humanización da contorna máis próxima á igrexa románica de Donramiro e aos seus accesos principais, así como á rehabilitación como equipamento sociocultural de varios inmobles de carácter tradicional e en deficiente estado recentemente adquiridos polo Concello situados nese ámbito que supoñen unha superficie continua duns 2.020 m2, situados entre a igrexa e o Castro, para ser dedicados a Centro de Interpretación de Donramiro, explica.

Musealización dos atractivos patrimoniais e turísticos

A restauración destes bens, conxuntamente coa recuperación e sinalización dos camiños de acceso ao Castro de Donramiro, posibilitarán a posta en valor deste pequeno conxunto rural catalogado (inclúese no Catálogo de Bens Protexidos do PXOM de Lalín como “Conxunto Ambiental de Donramiro”) e tamén a musealización dos seus atractivos patrimoniais e turísticos, concreta a responsable da EDUSI.

No obxecto do presente prego tamén se inclúen os traballos previos de levantamento planimétrico das edificacións a rehabilitar e das parcelas onde se localizan, engade.

Cómpre lembrar que o goberno proxecta un investimento duns 740 mil € para o desenvolvemento integral desta actuación que abrangue, como se vén de sinalar, a rexeneración do espazo público ao redor da igrexa románica de Donramiro e para a rehabilitación de varios inmobles como novo equipamento sociocultural.

Unha actuación o executivo desenvolverá ao abeiro da estratexia EDUSI Lalín Ssuma 21 e para á que o Concello achegará 50.000 € a maiores do 20% da EDUSI. Suporá unha proposta singular de referencia para a rexeneración do espazo público ao redor da igrexa e do Castro e para a valorización e dinamización do núcleo rural singular de Donramiro.

Así o destaca a tenente de alcalde e responsable da EDUSI, Paz Pérez Asorey, que indica que este proxecto suporá a creación dun novo equipamento municipal neste núcleo rural aproveitando a súa proximidade ao centro urbano.

Tamén convén recordar que o Concello, ao abeiro dunha subvención da liña 1 do Plan Concellos 2018-2019 da Deputación de Pontevedra de 64.000 €, adquiriu a propiedade de oito parcelas catastrais que conforman un ámbito continuo de terreos cunha superficie conxunta de 2.020 m2 e cun conxunto de inmobles composto por dúas casas e un hórreo en deficiente estado de conservación na rúa Fonte e seis parcelas situadas entre eses inmobles e o Castro, que son as que se van a destinar á súa rehabilitación a través desta actuación integral da
EDUSI.

A intención deste goberno -explica a responsable da EDUSI- é proceder á rehabilitación das ditas edificacións para destinalas a centro de interpretación do núcleo rural e do Castro de Donramiro. Unha iniciativa que, conxuntamente coa rexeneración do espazo público ao redor da dita igrexa románica, procure a conservación, mellora e revitalización deste núcleo rural de carácter tradicional emprazado ao suroeste do núcleo urbano de Lalín, lindeiro co mesmo e situado tamén no entorno de protección do castro de Donramiro. Así mesmo tamén contribuirá a preservar e a difundir o noso patrimonio etnográfico, arquitectónico, cultural e histórico que o integra, subliña.

Proxecto singular de rexeneración urbana

Paz Pérez subliña que esta actuación, encadrada na liña de actuación 9 e obxectivo temático 6 de Lalín Ssuma 21, procura a creación dun novo conxunto dotacional partindo dunha serie de edificacións existentes que serán rehabilitadas atendendo a sistemas e técnicas tradicionais enfocados desde unha óptica actual e que se integrarán funcionalmente no actual entorno; unha actuación que será en todo caso supervisada pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Así, o espazo público sobre o que se actúa será non só unha vía de paso, senón que tamén deberá ser entendido como lugar de desfrute veciñal, gañando pequenos espazos de estancia, podendo incorporar mobiliario urbano ou, de ser o caso, vexetación, afirma.

En definitiva -remarca Pérez- trátase de levar adiante un proxecto singular que sexa un modelo de referencia en canto á rexeneración urbana e a á posta en valor dos núcleos rurais singulares.

Este procedemento de expediente de contratación do proxecto básico e de execución resolverase nun prazo aproximado de dous meses e o prazo para estar rematada a obra será de 8 meses desde que se asine a acta de comprobación de replanteo, debendo estar finalizadas en todo
caso a finais de 2023 (data na que finaliza a prórroga da EDUSI).

TAGS