Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

ELENA TABOADA: ‘ATOPAMOS UNHA NECRÓPOLE MEDIEVAL QUE CONFIRMA A IMPORTANCIA E A OCUPACIÓN HISTÓRICA DE LALÍN DE ARRIBA’

  • Os traballos arqueolóxicos descubriron na zona un cemiterio baixo medieval ata o de agora descoñecido con cincuenta e cinco tumbas

 

  • As obras de rehabilitación supoñen tamén unha mellora dos servizos para os veciños con mellores acondicionamentos e elementos máis armónicos co patrimonio da zona

 

Sábado, 13 de novembro de 2021

 

A arqueóloga Elena Taboada Durán é a encargada dos traballos que se levaron a cabo na zona de Lalín de Arriba no marco das obras de rehabilitación da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21. Unhos traballos que puxeron de manifesto o alto valor histórico e patrimonial deste barrio, no que seguramente radica a orixe de Lalín, e grazas aos cales se localizou unha necrópole medieval descoñecida ata o de agora.

 

Lalín de Arriba é o barrio máis antigo de Lalín, nel hai varias casonas catalogadas, unha igrexa de orixe románica que antigamente foi un mosteiro e por el pasa tamén o Camiño de Inverno. Esta importancia patrimonial e histórica da contorna era xa coñecida, pero estas obras de rehabilitación amosaron que había máis por descubrir.

 

 'Só se sabía da igrexa e que anteriormente tiña vencellado un mosteiro. A primeira capela que daría orixe á que hai agora é bastante antiga e ten unha orixe románica. Nese tipo de núcleos era probable que aparecese algún tipo de resto vencellado, pero realmente non se sabía nada, topámonos cun xacemento totalmente novo', sinala Elena Taboada.

 

O que se atopou foi unha necrópole, un cemiterio baixo medieval, 'que vén a confirmarnos a importancia e a ocupación que tivo ese núcleo de Lalín de Arriba, que é a orixe do lugar de Lalín'. Nela apareceron cincuenta e cinco tumbas repartidas entre a zona da cabeceira e a zona do lateral sur. É excepcional, resalta Elena, 'a alta concentración nun espazo tan pequeno. É un cemiterio que ademáis tivo un uso moi intensivo pois aparecen unhas tumbas cortando a outras'.

 

Estes restos atopados están a ser estudiados polo miúdo. 'De momento contamos cunha primeira información preliminar que nos di que son individuos adultos pero de pouca idade e que tiveron unha alimentación un tanto escasa’. Os ósos atopados están ben conservados, especialmente no lateral sur, co cal poden aportar información proveitosa sobre a época, a alimentación ou enfermidades.

 

Unha das claves da investigación é confirmar a data á que corresponden estes restos. Elena estima que a maioría do conxunto estará en torno ao século XV. 'Revisamos os restos cerámicos que atopamos e estánse a facer análises dos restos óseos, que nos poden precisar, nalgúns casos, se eran homes ou mulleres'.

 

Este tipo de traballos nunca son fáciles e implican 'moita coordinación entre todos os implicados: patrimonio, equipo arqueolóxico, a dirección de obra e a empresa que executa os traballos'. É moi importante que as fases vaian ordenadas. 'Entramos nós de xeito previo ás obras para facer esas sondaxes valorativas e comprobar se hai algún tipo de resto arqueolóxico que poida ser afectado. Neste caso, xa se detectaron os primeiros restos e fíxose unha excavación en área da zona onde máis se ía traballar’.

 

REHABILITACIÓN PATRIMONIAL E MELLORAS PARA A VECIÑANZA

A arqueóloga resalta a importancia destas obras realizadas, non só para atopar estes restos de gran valor patrimonial, senón tamén polas melloras que supoñen para os veciños de Lalín de Arriba e de Lalín en xeral. 'Esa necrópole non se tería atopado sen as obras de rehabilitación do barrio porque era imposible saber que estaba ahí. E a nivel patrimonial vai quedar moito mellor o entorno, xa que moitos servizos que antes iban aéreos agora van soterrados e cambiaronse os pavimentos para que vaian máis armónicos cos edificios históricos e co conxunto'.

 

ESTRATEXIA EDUSI

A 'Rehabilitación da área urbana de interese cultural de Lalín de Arriba' é unha actuación enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21 que está cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020. O seu obxectivo é a recuperación dos elementos singulares do entorno de Lalín de Arriba, que está xusto á entrada do casco urbano do Camiño de Inverno, e a súa humanización mediante a recuperación da antiga calzada de pedra que discorría antigamente desde ese lugar en dirección ao centro do casco urbano. Así mesmo, esta actuación está destinada á rehabilitación e posta en valor do conxunto arquitectónico.

 

TAGS