Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

DANIEL GONZÁLEZ ALÉN: ‘O CAMIÑO DE INVERNO ESTÁ CHAMADO A SER UN CAMIÑO DE MOITO INTERESE TURÍSTICO E ECONÓMICO, TAMÉN PARA LALÍN’

  • O trazado lalinense do Camiño arrinca na ponte do Pedroso, atravesa a vila e empata coa Vía da Prata no albergue de A Laxe
  • O Camiño de Inverno conta dende o ano 2016 co recoñecemento oficial como ruta de peregrinación a Santiago

Mércores, 24 de novembro de 2021

O Camiño de Inverno xurdiu como unha alternativa ao Camiño Francés que aproveitaban algunhos peregrinos no inverno para adentrarse por Galicia e chegar á catedral de Santiago, dadas as condicións de neve e altitude do Camiño Francés. É o único que pasa polas catro provincias galegas e tamén pasa por Lalín, sendo Lalín de Arriba a súa porta de entrada, agora rehabilitada grazas ás obras de acondicionamento enmarcadas na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21.

Sobre ese Camiño de Inverno e o seu paso pola comarca do Deza falamos co cronista de Lalín, Daniel González Alén. 

Foi no ano 2004 cando en Lalín se comezou a traballar no Camiño de Inverno. 'Daquela, o entón concelleiro Román Rodríguez propúxonos sinalizar o camiño polo Concello de Lalín', nos di Daniel. O traballo xa ía adiantado no Concello de Rodeiro. 'O alcalde Eliseo Diéguez e o bibliotecario Pepe Carballo sinalaran o camiño dende o alto do Faro ata a ponte de Pedroso. Entón, o noso cometido era achegalo á vila de Lalín'. O resultado foi un camiño que arrinca na ponte do Pedroso, pasa pola vila de Lalín e empata coa Vía da Prata no albergue de A Laxe.

O deseño deste trazado non era doado, xa que non había evidencias documentadas nin apuntamentos de ningún peregrino ao seu paso por Lalín. 'Só se tiña coñecemento dun hospital de peregrinos que houbera en Rodeiro, desaparecido nos anos 60 do pasado século, ao lado da chamada ponte do Hospital'. Entón, 'tivemos que basarnos un pouco nos camiños antigos e, fundamentalmente, no enclave de Lalín de Arriba. Fora coto do mosteiro de Oseira e parámonos a mirar como chegaban os frades a estas terras da Galicia central'.

Lalín de Arriba é a entrada en Lalín dos peregrinos. 'É ademais un pouco o casco antigo e histórico da vila, que xurdeu hai 1.100 anos ao abeiro dese mosteiro'. Porque fai 200 anos só existía ese pequeno núcleo cunhas poucas casas ao redor do que fora o mosteiro. Ata a denominación de Lalín vén de aí. 'Antes do mosteiro, alá polo ano 980, cando se fundou, o lugar estaba habitado por un colono dos condes de Deza ao que lle chamaban 'Lalino', e de aí colleu o nome a vila'. E nese lugar, daquela afastado de calquer núcleo de poboación, mandaron construír os condes de Deza os mosteiro e a igrexa a finais do século X. 

Lalín foi medrando e empatando con outros núcleos. E o mesmo pasou coa Torre Fortaleza, ao redor da cal tamén se creou outro pequeno lugar chamado A Torre. 

A Torre Fortaleza de Lalín estaba emprazada no lugar que hoxe ocupa a estatua do aviador Loriga. Pertenceu aos Deza e aproximadamente no ano 1846, cando era propiedade dos Quiroga, que lla mercaran aos condes de Lemos, derrubouse. 'Quedou reflexada no escudo de Lalín un tempo, pero a día de hoxe só queda na historia e un pouco na tradición oral. O que sí perduran son as referencias dos máis vellos a aquela torre e a aquel Carballo da Manteiga debaixo do cal se metía a xente o día de feira. Ese carballo aínda está hoxe no escudo do Concello de Lalín'. 

Eses dous puntos foron fundamentais á hora de pasar o camiño por Lalín. 'Entre A Torre e o mosteiro de Lalín de Arriba creouse o núcleo actual de Lalín, que empezou a medrar a principios do século XX, cando se fixo a estrada N-525, que daquelas era un camiño real, e cando as feiras e o camiño fixeron que a xente se fose establecendo aquí'. Precisamente un problema que houbo que solventar foi a invasión que a construción desta estrada ocasionara nalgúns treitos do camiño. 'Vímonos na obriga de metelo polo paseo do Pontiñas para salvar estos inconvintes do tráfico e do asfalto. Foi a única licenza que nos permitimos un pouco'. 

Aínda que 'ás veces houbo que saír en defensa da integridade do Camiño e da súa marcaxe, pois non sempre se respectou o que se tiña sinalado e de ser preciso facer algunha modificación, habería que estudialo e facelo de xeito consensuado', Daniel está moi satisfeito dun traballo no que a día de hoxe se fixeron arranxos importantes no propio trazado, na sinalización e na construción de albergues. 
 

O RECOÑECEMENTO OFICIAL

O Camiño de Inverno tivo o recoñecemento oficial como ruta de peregrinación a Santiago de Compostela no ano 2016. Nese intre empeza a ser coñecido e transitado polos peregrinos, grazas en boa medida á súa difusión en medios, guías e a valedores como Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra, que 'nos puxo na pista da labor que había que facer', resalta Daniel. 

Este Camiño de Inverno está chamado a ser un camiño de moito interese turístico e económico que pode ocupar un posto importante no número de peregrinos porque atravesa lugares dos máis fermosos da xeografía galega. E pode ser moi importante para Lalín. Neste senso, 'a iniciativa privada é fundamental para convertir este Camiño de Inverno nun dos piares da nosa comarca e do noso concello'.

 

ESTRATEXIA EDUSI

A 'Rehabilitación da área urbana de interese cultural de Lalín de Arriba' é unha actuación enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21 que está cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020. O seu obxectivo é a recuperación dos elementos singulares do entorno de Lalín de Arriba, que está xusto á entrada do casco urbano do Camiño de Inverno, e a súa humanización mediante a recuperación da antiga calzada de pedra que discorría antigamente desde ese lugar en dirección ao centro do casco urbano. Así mesmo, esta actuación está destinada á rehabilitación e posta en valor do conxunto arquitectónico.

TAGS