Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • Coa nova Plataforma os veciños poderán estar informados das novas do Concello, reservar bonos ou entradas para eventos, reservar aparcamento ou ver contidos audiovisuais nunha canle creada para este fin.

 

  • O contrato, de 377.562,86€, ten como obxectivo o subministro, a instalación, a posta en servizo, o soporte e o mantemento durante tres anos da plataforma.

 

  • O prazo de presentación de ofertas remata o día 28 de xullo de 2022 as 10:00 horas da mañá.

 

 

 

Domingo, 03 de xullo de 2022

O concello de Lalín vén de licitar a implantación e o mantemento da plataforma ‘Lalín infinito’ mediante un procedemento aberto, enmarcado parcialmente na EDUSI ‘LALIN SSUMA21’ cofinanciada nun 80% por fondos FEDER mediante o POCS 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020.

 

A plataforma ‘Lalín infinito’ permitirá contribuír a desenvolver o concepto de visión integral da cidadanía, unha ‘cidadanía 360’, que ofrecerá servizos personalizados aos veciños permitindo mellorar a experiencia dos usuarios na súa relación coa Administración Local e cos servizos da cidade.

 

O contrato ten como obxectivo o subministro, a instalación, a posta en servizo, o soporte e o mantemento da plataforma ‘Lalín infinito’ e derivados. As propostas presentadas deberán incluír todo o hardware, o software e os servizos profesionais necesarios para a posta en funcionamento e a operativa dos diferentes compoñentes da solución.

 

Eses compoñentes son a plataforma ‘Lalín Infinito’ en si, con infraestrutura que inclúan o portal web e a APP ‘tarxeta cidadá virtual’, un módulo de información para a cidadanía, un módulo de reserva de bonos e de entradas para eventos, un módulo de xestión intelixente do ‘Aparcadoiro Europa’, un xestor de contidos audiovisuais e os propios contidos dixitais de toda a plataforma.

 

O importe total do contrato é de 377.562,86€, é dicir, de 312.035,42€ máis 65.527,44€ de ive, e incluirá o subministro, a instalación e a posta en marcha da plataforma ‘Lalín infinito’ e das súas derivadas, e o mantemento da solución durante 3 anos. O prazo de presentación de ofertas remata o día 28 de xullo de 2022 as 10:00 horas.

 

 

PLAN DE TRANSFORMACIÓN DIXITAL

 

‘Lalín Infinito’ nace como parte da planificación do vector estratéxico ‘Cidade Intelixente’ da EDUSI, tras a elaboración, por parte do Concello, con fondos e medios propios, do ‘Plan de Transformación Dixital’ que permitiu identificar e definir as actuacións a realizar no ámbito da e-administración e da Smart City.

 

O concello de Lalín ve na conxuntura actual unhas oportunidades e necesidades que hai que fomentar e que recolle no devandito ‘Plan de Transformación Dixital’. Entre elas búscase empregar as novas tecnoloxías como dinamizadoras da participación cidadá; facilitar á veciñanza información actualizada, completa e relevante do Concello; facer máis accesibles os trámites administrativos; simplificar e mellorar o acceso da cidadanía ás instalacións e aos servizos municipais; e, por último, ampliar os sistemas Smart City implantados no Concello.

 

Todas esas oportunidades transformáronse nesta licitación da plataforma ‘Lalín infinito’, xa que coa súa implantación deberase incluír un portal web e unha APP que se poida empregar coma a ‘tarxeta cidadá virtual’ de Lalín, que permita mellorar a transparencia facilitando o acceso aos contidos do Concello de maneira eficiente e que mellore os servizos públicos coma a xestión de reservas de eventos e a xestión de zonas de aparcadoiro.

 

A plataforma ‘Lalín Infinito’ permitirá a interconexión de todas estas utilidades facilitando o control e a xestión centralizada de toda a información. Así o usuario, tras rexistrarse, poderá adquirir entradas para eventos do Concello; información turística que poña en valor o patrimonio natural e cultural de Lalín; toda a información destacada do Concello para a cidadanía no referente a actos, accesos e servizos; acceso ao ‘Aparcadoiro Europa’, enlace a todas as aplicacións municipais de interese e acceso a un módulo de contidos audiovisuais.

 

As novas que se atoparán os usuarios estarán dirixidas aos veciños, aos turistas e a outros colectivos e completaranse con recursos multimedia. Ademais disporase na plataforma de avisos e alertas que permitirá aos usuarios xestionalas e consultalas. No tocante ao aparcamento, ‘Lalín infinito’ disporá de información pública sobre o grao de ocupación para poder acceder ao ‘Aparcadoiro Europa’.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

 

A plataforma ‘Lalín infinito’ englóbase dentro do Obxectivo Temático 2 da EDUSI, que busca ‘Desenvolver o uso e a calidade das TICS e mellorar o seu acceso’. Como obxectivo estratéxico a plataforma intenta apostar polas TICs como eixo vertebrador da ‘Estratexia urbana de Lalín’. E para iso búscase modernizar a Administración electrónica e os servizos públicos de Lalín a través das TIC, impulsando a integración das TIC na mellora da prestación dos servizos públicos e na relación coa cidadanía; e potenciando o desenvolvemento de Lalín coma unha Smart City, ben sexa impulsando o deseño dunha estratexia global de “Open Government” ou apostando pola implantación do concepto Smart na cidade de Lalín.

 

Ademais, dende o Concello, pretenden mellorar o uso e a calidade das tecnoloxías da información e da comunicación e o seu acceso. A través deste obxectivo, búscase facer máis fácil e transparente a accesibilidade aos servizos municipais para todos os lalinenses e lalinensas, apostando pola súa eficiencia e impulsar a conversión da ciudade de Lalín nunha ‘Cidade Intelixente’ en todos os ámbitos e sectores.

 

TAGS