Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • O Concello adquiriu tarxetas criptográficas, quioscos electrónicos e un sistema de xestión da recadación municipal coa finalidade de facilitar as xestións dos veciños.

 

 

Domingo, 12 de xuño de 2022

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, vén de modernizar as súas plataformas e infraestruturas vencelladas á Administración electrónica co obxectivo de achegar os servizos administrativos do Concello aos veciños de tal xeito que teñan á súa disposición a vía electrónica para facer as xestións que precisen, mellorando ademais a eficacia e a eficiencia nos procesos internos de traballo.

 

En concreto, o Concello adquiriu 120 tarxetas criptográficas FNMT, tres quioscos electrónicos ou sistemas de xestión de citas e un sistema de información para a xestión e recadación dos ingresos municipais, ademais de poñer en marcha un plan de adecuación ao ‘Esquema Nacional de Seguridade’.

 

O concello de Lalín traballa así pola posta en marcha da ‘e-administración’ e establece as ferramentas necesarias para garantir que sexa unha vía xeral de relación entre o cidadán e a Administración e tamén entre o concello de Lalín e o resto das administracións públicas.

 

Á sede electrónica do concello de Lalín pódese acceder a través da páxina web https://lalin.sedelectronica.gal/. Está adaptada para ser utilizada dende diferentes dispositivos móbiles e foi simplificada para facilitar o seu manexo. Tamén se adecuou ao requerido no ‘Esquema Nacional de Seguridade’ e no ‘Regulamento Xeral de Protección de Datos’.

 

Esta sede electrónica resulta de grande utilidade para o cidadán, pois permite facer un gran número de trámites do día a día de forma sinxela, rápida e sen desprazamentos. Achéganse así aos veciños, entre outros, os procesos tributarios, facilitando a liquidación de obrigacións a través de medios telemáticos.

 

Do mesmo xeito, a simplificación dos procesos administrativos mellora a transparencia, a accesibilidade e a proximidade entre cidadáns e Administración, que se ve reforzada tamén mediante iniciativas formativas e o uso e a adquisición de diferentes sistemas e ferramentas tecnolóxicas.

 

 

TARXETAS CRIPTOGRÁFICAS

 

Os traballadores do concello de Lalín precisaban un certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou acceso co DNI electrónico para poder asinar e acceder ás distintas plataformas de Administración electrónica externas e internas. Para homoxeneizar o acceso e garantir a seguridade optouse por unha tarxeta criptográfica FNMT- RCM especialmente deseñada para infraestruturas de clave pública nas que se requiren autenticacións dunha entidade, integridade e confidencialidade de datos. É un dispositivo seguro de creación de sinatura que presenta xeración interna das claves e impide que se poida acceder a elas dende o exterior.

 

A tarxeta ofrece funcións RSA de ata 2048 bits, como algoritmo de clave pública, SHA-1 para o hashing e Triple-DES para o cifrado simétrico e admite ata 10 certificados electrónicos estándar X.509.v3 de 2048 bits.

 

Para a serigrafía destas tarxetas criptográficas realizouse a compra dunha impresora de tarxetas PVC, adaptándoas á imaxe corporativa do concello de Lalín.

 

 

QUIOSCOS DE ‘E-ADMINISTRACIÓN’

 

Outra das accións que se levou a cabo nesta mellora na calidade e no acceso ás TIC en Lalín é a instalación, servizo e soporte da posta en marcha de tres quioscos de ‘e-administración’ que permitan facer os trámites administrativos máis accesibles aos veciños.

 

Estes quioscos permiten o acceso de forma sinxela á sede electrónica e á páxina web do Concello, á da Xunta de Galicia e á da Deputación de Pontevedra. Dispoñen dunha pantalla táctil para a interacción cos usuarios, dun lector de DNI, dun miniPC incorporado cun mínimo de 4GB de RAM e 240GB SSD, escáner, impresora e TPV de sobremesa para pago con tarxeta de crédito.

 

 

SISTEMA PARA A XESTIÓN E RECADACIÓN DE INGRESOS

 

O concello de Lalín procedeu tamén á adquisición dun sistema de información para a xestión e recadación dos ingresos municipais e dun sistema de portal e oficina virtual tributarios. Este software é unha ferramenta de expediente electrónica áxil e intuitiva, multientidade e multilingüe no que todas as mensaxes, pantallas e modelos de documentos se amosan en castelán e galego.

 

Trátase dun sistema totalmente transaccional que garante a integridade e a consistencia da información e que automatiza os procesos de intercambio con calquera organismo da Administración. Ao ser unha aplicación 100% web dispón de todas as vantaxes de ser instalada nunha contorna ‘cloud’ e permite accesos remotos autorizados. Todos os datos referentes a contribuíntes quedan almacenados nunha soa localización para evitar duplicidades e todas as operacións realizadas deixan a información rexistrada nun histórico.

 

Este sistema permite aos veciños realizar a xestión das súas domiciliacións, notificacións ou representantes, tanto se son persoas físicas coma no caso de entidades xurídicas, e xestións fiscais coma as referentes ao padrón ou aos impostos sobre construción, instalacións e obras, ademais de poder obter certificados de bens ou de atoparse ao corrente de pagos. En todos os casos, o sistema garda a preferencia do cidadán para ser notificado: en papel, de forma telemática ou a través de ‘Notific@’.

 

 

PLAN DE ADECUACIÓN AO  ESQUEMA NACIONAL DE SEGURIDADE

 

No marco desta liña de actuación sobre Adminsitración electrónica, o concello de Lalín conta cun plan de adecuación ao ‘Esquema Nacional de Seguridade’.

 

A Lei 11/2007 (LAECSP) supuxo un impulso decisivo para a xeralización dos 'servizos electrónicos' aos cidadáns, que foi derrogada pola Lei 39/2015 do 1 de outubro, do ‘Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas’ e, dentro dela, recóllense as referencias sobre o seu marco de seguridade (ENS), interoperabilidade e cumprimento de LOPD- RDLOPD que deben manter os dereitos e garantías dos cidadáns nas contornas TIC das AAPP.

 

Estas altas capacidades TIC requiren, polo tanto, as correspondentes iniciativas de protección da tecnoloxía, de forma que as transaccións de todo tipo se fagan sobre contornas xestionadas e controladas nas dimensións de seguridade aceptadas como referentes: dispoñibilidade, integridade, confidencialidade, autenticidade e rastrexabilidade.

 

O devandito plan inclúe unha política de seguridade da información que conteña a relación de roles e responsabilidades definidos e unha adecuada identificación e categorización dos sistemas de información, con especial atención á información que manexa, aos servizos que presta e ao tratamento de datos persoais.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

 

A implantación da administración electrónica no Concello de Lalín está enmarcada na LA01 da EDUSI 'LALIN SSUMA21'.

 

Esta operación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT2 de POPE 2014-2020 ('Desenvolver o uso e a calidade das TICs e mellorar o seu acceso'); e, en concreto, ao seu Obxectivo Específico 2.2.3 dirixido a promover as TIC en Estratexias de desenvolvemento urbano integrado a través de actuacións en Administración electrónica local e 'Smart Cities'. Esta contribución materializarase mediante o impulso de ferramentas que melloren a axilidade, atransparencia e a seguridade das interaccións entre os cidadáns e a Administración do concello de Lalín; e desta con outras Administracións.

 

A inversión total que xa se realizou nesta liña de actuación é de 67.922,82 €, dos cales 54.338,26 € proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 13.584,56 €, son achegadoss polo concello de Lalín.

TAGS