Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • O obxectivo é actualizar e mellorar os espazos virtuais do consistorio para dinamizar a participación cidadá.

 

  • Entre as actuacións realizadas destacan as melloras no sitio web do Concello, a creación dun Portal de Transparencia e a contratación dun sistema de vídeo actas e doutro para a gravación de eventos.

 

Domingo, 17 de abril de 2022

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, está a levar a cabo unha serie de melloras nas súas ferramentas TIC e nas súas canles de relación coa veciñanza co obxectivo de mellorar a transparencia e fomentar a participación cidadá.

 

Trátase dunha aposta por unha estratexia de Goberno Aberto e Open Data que impulsa a relación entre o Concello e a cidadanía, potenciando o acceso á información e garantizando a transparencia. Deste xeito, a xestión municipal fará accesibles todos os datos públicos do Concello á veciñanza mediante o desenvolvemento e o uso da tecnoloxía.

 

Esta estratexia implica un cambio non só tecnolóxico, senón tamén na cultura da Administración e dos seus procesos, máis abertos e transparentes cara á cidadanía, que se incorpora paulatinamente ao proceso de elaboración das súas políticas.

 

Nesta liña de traballo, o concello de Lalín levou a cabo accións formativas do persoal do consistorio para ampliar os seus coñecementos e competencias en solucións de Goberno Aberto e, doutra banda, acometeu o redeseño e a actualización integral das súas webs, adaptándoas ás novas esixencias lexislativas, así coma a integración de apps participativas nelas, xunto con outras actuacións coma a creación dun novo portal de transparencia e a adquisición dun sistema de vídeo acta e dun sistema de gravación de vídeo.

 

 

ACCESIBILIDADE, USABILIDADE E SINXELEZA

O sitio web do Concello (www.lalin.gal) poténciase agora como un espazo común dirixido á cidadanía, con especial fincapé na navegabilidade e na usabilidade do sitio e centrado na xestión autónoma de contidos, cunha interface sinxela e intuitiva, capaz de ser xestionada por calquera usuario de ferramentas ofimáticas, e cun deseño responsive adaptado a calquera dispositivo e resolución no que predominan as formas xeométricas, as cores planas e chamativas e as iconas.

 

Este sitio web permite tamén a publicación en varios idiomas de contidos, imaxes e mesmo documentos e a configuración de boletíns de novas ou formularios. 

 

O Portal de Transparencia, pola súa banda, conta con varios contidos destacados: ‘Transparencia’, ‘Acceso a Datos Abertos’, ‘Participación Cidadá’ e ‘Novas’.

 

En ‘Transparencia’, os lalinenses teñen á súa disposición información institucional coma o organigrama, competencias e funcións ou accións de goberno e normativa, ademais de datos sobre a organización política, cargos electos e eventuais e as súas retribucións, declaracións de actividades, patrimoniais e de intereses. En ‘Acceso a Datos Abertos’ pódense consultar datos sobre normativas, licenzas, boas prácticas ou estatísticas.

 

O sistema de vídeo acta, pola súa banda, facilita o acceso dos cidadáns ao proceso de toma de decisións dos órganos colexiados do Concello. Unha solución de gravación e reprodución que permite a xeración e o almacenamento dos vídeos dos plenos municipais facendo uso dunha avanzada tecnoloxía intelixente que procura planos e audios de alta calidade. Este sistema incorpora tamén a funcionalidade de sinatura electrónica, de tal xeito que se adxunta o vídeo/audio ao expediente de acta dixital asinada dixitalmente cando remata o pleno.

 

RETRANSMISIÓN DE EVENTOS DE FORMA AUTOMÁTICA

O sistema de gravación de eventos permite a retransmisión de actos que teñen lugar no salón de actos do concello de Lalín, na Sala de Prensa do Concello e na pista principal do Lalín Arena. A realización e a emisión están pensadas para a visualización a través da Internet, de tal xeito que a veciñanza poidan asistir remotamente aos eventos sen necesidade de desprazamento. O sistema permite engadir melodías, infografías, locucións ou vídeos na emisión dos eventos.

 

O obxetivo final de todas estas actuacións é actualizar e mellorar os espazos virtuais do consistorio e empregar as posibilidades das novas tecnoloxías para dinamizar a participación cidadá.

 

En concreto, a operación está chamada a resolver tres necesidades: adaptarse á Lei 19/2013 de Transparencia, Acceso á Información e Bo Goberno; corrixir as dificultades dos cidadáns para acceder á información municipal; e solucionar o posible descoñecemento dos principais asuntos municipais por parte dos veciños/as.

 

ESTRATEXIA EDUSI

A posta en marcha dunha estratexia de Goberno Aberto e Open Data está alineada cos obxetivos da Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21 de impulsar a relación entre o Concello e a cidadanía, favorecendo a confianza en cada un dos pasos levados a cabo pola mesma, e de conseguir unha Administración máis próxima, clave para que os cidadáns sintan que é capaz de dar respostas ás necesidades e problemas que expoñen.

 

A inversión total nesta liña de actuación é de 124.800 euros, dos cales un 80%, 99.840 euros, proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 24.960 euros, é aportado polo concello de Lalín.

 

TAGS