Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • MercaLalín é unha plataforma de comercio en liña, de acceso gratuito, que proporciona un completo escaparate de produtos locais para negocios e particulares.
  • A través da páxina mercalalin.gal promóvese a modernización do sector facilitando ao pequeno comercio o acceso a novas tecnoloxías e proporcionándolles novas canles de venda, novas formas de pago e novos servizos.

 

Domingo, 19 de decembro de 2021

MercaLalín é unha plataforma online, creada no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, que conecta tendas, restaurantes e pequenos produtores locais, rexistrados e autorizados polo Concello, con potenciais compradores cuxo obxectivo é fomentar o comercio local, aumentando a competitividade de tendas e produtos da zona para potenciar o consumo de proximidade.

 

A plataforma foi medrando dende a súa posta en marcha a mediados do ano pasado e, a día de hoxe, son xa 202 os negocios rexistrados en mercalalin.gal. Pertencen a ámbitos moi diversos, sendo os máis numerosos os de hostalería, alimentación xeral, servizos, saúde e coidado persoal, mobles e decoración, bricolaxe e ferramentas, carnes e embutidos e moda e complementos. Precisamente deste último sector son algúns dos negocios que levan máis tempo adscritos a MercaLalín, como ‘Brandido Complementos’ ou ‘Pedriñas’.

 

Tamén participan en MercaLalín negocios de bebidas, artigos de regalo, produtos para bebés, floristerías, zapatos ou deportes, oficina e papelería, xardín, libros, informática ou ópticas, sendo unha delas, a óptica ‘Pereiro’, outra das empresas veteranas na plataforma. E a plataforma non deixa de crecer, a tenda de roupa e complementos ‘Morriño de Bico’, a herboristería ‘Estalitroque’ e ‘Mel Pájaro’ son algunhas das máis recentes incorporacións a MercaLalín.

 

Todas elas fan que os clientes poidan elixir entre máis de 5.200 produtos de todo tipo dispoñibles á venda actualmente na plataforma e que poidan compralos en liña de xeito sinxelo, independentemente de onde se atopen e sen problemas de horarios.

 

USOS E VANTAXES DA PLATAFORMA

MercaLalín está pensada para o aproveitamento dos clientes finais e tamén dos propios negocios da vila, outorgándolles un grande escaparate dende o que dar a coñecer e vender os seus produtos a un moi amplo número de potenciais clientes.

 

Os comercios poden darse de alta de xeito gratuíto na plataforma a través dun sinxelo formulario que se atopa na propia páxina web mercalalin.gal. Contan con tres posibilidades diferentes: o modo páxina web, que incorpora información básica sobre o seu negocio; o modo escaparate, que inclúe ademais un catálogo de produtos pero sen que sexa imprescindible enviar a domicilio ou admitir pagos on line; e o modo tenda en liña, o máis completo de todos, que permite engadir prezos e configurar opcións de envío para empezar a vender en liña, tanto a clientes locais como a aqueles que están máis aló do Deza.

 

Ademais, a plataforma realiza promocións e sorteos de xeito periódico que incentivan a participación, a actividade comercial da zona e o coñecemento da propia ferramenta. De feito, conta con 896 seguidores en Facebook e 714 en Instagram.

 

APOSTA POLO COMERCIO LOCAL E DE PROXIMIDADE

MercaLalín nace para promocionar o comercio online, impulsando unha plataforma que facilite as vendas tanto aos comerciantes locais coma a aqueles pequenos produtores locais e artesáns que atopan barreiras ou non dispoñen de suficientes medios para a distribución dos seus produtos. Ao mesmo tempo, promove a modernización do sector facilitando ao pequeno comercio o acceso a novas tecnoloxías e proporcionándolles novas canles de venda, formas de pago e novos servizos, coma o servizo a domicilio.

 

O comercio de Lalín vese así potenciado cunha ferramenta de apoio á venda tradicional que permitirá a calquera comprador descubrir a oferta do comercio da vila, con independencia da súa localización, viva ou non en Lalín.

 

A mellora da competitivade do sector é un dos principais logros que se plantexan con esta plataforma, ademais dun incremento da actividade comercial minorista que evite un baleiro comercial do centro urbano e a suás repercusión positivas no emprego e no desenvolvemento de prácticas de comercio xusto, producións ecolóxicas e produtos artesáns.

 

ESTRATEXIA EDUSI

A iniciativa MercaLalín está enmarcada na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020, e ten por obxectivo a posta en marcha digital para a cidadanía mediante a implantación dunha Plataforma de Mercado on-line para incentivar e revitalizar o comercio local no Concello de Lalín.

 

    TAGS