Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • O servizo de conciliación ten por obxecto a execución de actividades de atención, coidado e custodia a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos dende un enfoque lúdico-educativo.

 

  • A inscrición para as actividades de Semana Santa está aberta ata o mércores 6 de abril.

Domingo, 3 de abril de 2022

 

O Concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, conta cun programa integrador de conciliación a nivel local para dotar ás familias dunha contorna de seguridade no coidado dos fillos e das fillas. O obxectivo principal deste servizo, chamado ‘Concilia Lalín’, é favorecer a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e dos homes con descendencia en idade escolar.

 

Neste sentido, o servizo axuda a solventar a fragmentación da oferta de prestacións de conciliación e o acceso desigual das familias aos xa existentes, o cal xeraba fragmentación social entre nenos e nenas provocando diferenzas de acceso ao desenvolvemento educativo.

 

No que atinxe aos proxenitores, o ‘Concilia Lalín’ procura minimizar as barreiras de acceso ao mercado laboral coas que se atopan, especialmente, as nais en idade de traballar e con menores ingresos como consecuencia das dificultades para acceder a un servizo de conciliación accesible.

 

‘Concilia Lalín’ xorde tras escoitar as demandas que as familias lalinenses trasladaron ao Concello, xa que, como indica Iago González, coordinador do servizo na actualidade ‘cada vez en máis traballos as quendas son de xornadas continuas, o cal implica que se comeza moi cedo a traballar e resulta moi complicado conciliar nesas primeiras horas da mañá'. De feito, engade Iago, 'o perfil habitual de participantes no servizo adoitan ser os nenos e as nenas mais pequenos, entre os 3 e os 5 anos. É un perfil de familia de nai e pai traballadores con xornada continua que non contan con dispoñibilidade de familiares para poder estar cos seus fillos'.

 

Neste contexto, a amplitude de horario é o máis valorado polos usuarios segundo Iago González, porque 'o que precisan as familias é un amplo abano horario, dende moi cedo ata moi tarde'. Aínda que tamén destacan especialmente a diversidade de actividades proporcionadas.

 

ACTIVIDADES PARA A ÉPOCA LECTIVA E PARA AS VACACIÓNS

‘Concilia Lalín’ organiza a súa actividade diferenciando entre período lectivo e vacacional. Durante o período lectivo, desenvólvese nos diferentes centros educativos e está especificamente orientado a dar resposta aos problemas de incompatibilidade horaria das familias. Presta un servizo de conciliación en horario extraescolar en tres centros educativos de Educación Infantil e Primaria: CEIP Manuel Rivero (Lalín), CEIP Plurilingüe Vicente Arias da Maza (Vilatuxe) e CEIP Xoaquín Loriga (Prado).

 

En períodos vacacionais, ten lugar de modo centralizado no CEIP Manuel Rivero e proporciona unha oferta lúdico-educativa, complementaria á educación formal, e baseada na idea do tempo libre da infancia como unha dimensión educativa e de fomento do dereito ao xogo nas vacacións.

 

O número total de prazas ofertadas é de 70. No período lectivo hai unha media de 40 participantes, cifra que se multiplica no verán, cando o servizo cubre a totalidade das prazas e, ademais, ao haber quendas de mañá e de tarde, o número total de participantes pode chegar a rondar os 100.

 

Deste xeito, a boa acollida do servizo fixo que a día de hoxe xa teñan participado no ‘Concilia Lalín’ uns 200 rapaces e rapazas do concello de Lalín.

 

COLABORACIÓNS CON ENTIDADES E ASOCIACIÓNS LOCAIS

A colaboración e a comunicación entre os diferentes axentes educativos e sociais (familias, equipa directiva dos centros educativos, asociacións de nais e pais, responsables políticos) foi decisiva dende o primeiro momento.

 

Neste tempo, ademais, o servizo apoiouse en diferentes asociacións e colectivos para ampliar a súa oferta de actividades. 'Mantémonos en contacto con diferentes asociacións do Concello para que veñan a realizar actividades con nós. Tanto ‘Cruz Vermella’ como ‘Working Wheels’, unha asociación que hai en Lalín que traballa a integración de persoas con discapacidades físicas, veñen a miúdo a propoñernos actividades e a traballar cos cativos', indica Iago González.

 

FOMENTO DA SOCIALIZACIÓN, DA CREATIVIDADE E DA AMIZADE

Neste tempo, no ‘Concilia Lalín’ realizáronse infinidade de actividades, adaptándose sempre á idade e ás circunstancias persoais de cada participante.

 

Unha das máis destacadas son as ‘Asambleas’, reunións grupais nas que os participantes comparten impresións e fomentan valores como a autonomía, a responsabilidade, o respecto ou a amizade.

 

Tamén se levan a cabo ‘Recunchos’, con espazos de Lectura, Imaxinación, Relaxación e Artístico, nos que se prioriza a relación cos compañeiros e compañeiras, o coidado do material e a potenciación das habilidades creativas.

 

Un dos eixos básicos das actividades do Concilia é o xogo, fomentando unha actividade lúdica libre, sempre coa supervisión do equipo de monitorado, para que os rapaces e rapazas desenvolvan a súa autonomía e independencia. E tamén as actividades grupais programadas nas que se xoga xuntos ou en pequenos grupos para socializar, aprender, resolver conflictos e, sobre todo, divertirse.

 

Todas estas actividades seguen unhas pautas comúns coas que se identifica o Concilia: son inclusivas, con respecto e adaptación ao ritmo de cada participante; coeducativas, promovendo a igualdade de oportunidades e a convivencia mantendo a identidade; activas, a través do xogo, a exploración da contorna e a adquisición de valores; flexibles, para atender as necesidades particulares dos rapaces e rapazas; e afectivas, creando un ambiente de confianza no que os nenos e nenas se expresen libremente e poidan transmitir as súas emocións, sentimentos e necesidades.

 

As programacións fíxanse en datas sinaladas para actividades específicas como a 'Benvida das estacións', a 'Recolección de froitos e follas', a 'Semana do medioambiente' ou o '8M Día Internacional das Mulleres'.

 

INSCRICIÓN PARA A SEMANA SANTA

De cara a esta vindeira Semana Santa, estase a traballar en actividades deportivas e xogos cooperativos, destacando a 'Olimpíada Concilia', una competición na que os participantes deberán conseguir a maior puntuación posible en diferentes xogos. Tamén se traballa nun 'Concurso primaveral', que consiste na elaboración dun deseño representativo da chegada da primavera, e nunha das actividades favoritas dos usuarios, a 'Búsqueda del tesoro', onde gañará quen sexa capaz de descifrar as pistas que conducen ao tesouro do Concilia.

 

O servizo Concilia traballará os días 11, 12, 13 e 18 de abril e haberá horario de mañá, de 07:30 a 14:30 horas, e de tarde, de 16:00 a 20:00.

 

Xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes, ata o mércores 6 de abril. Porque aínda que a inscrición no Concilia pode facerse ao longo de todo o ano, o Concello habilita unhas datas específicas para períodos especiais ou nos que se agarda maior demanda.

 

A inscrición pode realizarse, a través da Sede electrónica do Concello de Lalín ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, cubrindo o formulario de solicitude e achegando a documentación requirida, que aparece recollida no propio formulario, como DNI, tarxeta sanitaria, libro de familia, contratos laborais ou outra documentación que acredite a necesidade de conciliación.

 

ESTRATEXIA EDUSI

Concilia Lalín púxose en marcha no marco da Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21. Esta actuación contribúe de forma efectiva aos resultados do OT 9 de POPE 2014-2020 ('Fomentar a inclusión social e a loita contra a pobreza'); e en concreto, ao seu Obxectivo Específico 9.8.2 ('Rexeneración física, económica e social da contorna urbana en áreas urbanas desfavorecidas a través de estratexias urbanas integradas').

 

Concilia Lalín leva funcionando dende agosto do 2019. A inversión total nesta liña de actuación é de 208.800 €, dos cales 167.040,00 € (un 80%) proveñen dos fondos FEDER e o 20% restante, 41.760,00 €, é aportado polo concello.

 

Dende mediados de novembro do 2020, o servizo é xestionado e financiado na súa totalidade polo Concello de Lalín.

TAGS