Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

 

  • O prazo de presentación das ofertas está aberto ata o 10 de xuño.
     
  • O proxecto nace da necesidade de dar resposta a unha serie de carencias identificadas dentro do núcleo urbano de Lalín dentro do tecido social, económico e asociativo.
     
  • Para levar a cabo as obras do novo edificio Sociocultural Municipal haberá que levar a cabo a demolición dos edificios existentes no n.º 1 e no n.º 3 da rúa Manuel Rivero.  

 

 

Domingo, 22 de maio de 2022

 

O concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, vén de licitar as obras do ‘Proxecto Básico e de Execución do Edificio Dotacional Municipal’ para levar a cabo a demolición dos edificios existentes e a construción dun novo edificio municipal no n.º 1 e no n.º 3 da rúa Manuel Rivero, que engloba unha superficie duns 490 metros cadrados. O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro venres 10 de xuño.

 

Coa realización destas obras, o Concello busca integrar o novo edificio na contorna inmediata, resolver a súa posición de peche da mazá en esquina e ao mesmo tempo converterse en referente urbano. Para todo iso o concello de Lalín parte do estudo das preexistencias: da morfoloxía característica das edificacións próximas (composición de ocos, proporción, volumetría…), de elementos susceptibles de ser respetados (líñas de cornisa, líñas de forxado con marcada presencia…) tanto das edificacións colindantes coma das edificacións sobre as que se actúa.

 

O proxecto nace da necesidade de dar resposta a unha serie de carencias identificadas dentro do núcleo urbano de Lalín dentro do tecido social, económico e asociativo. O Concello prantexa para iso o desenvolvemento dun edificio dotacional destinado a equipamento sociocultural no solar resultante da agrupación de dous solares preexistentes e tras executar a demolición das edificacións n.º 1 e n.º 3 da rúa Manuel Rivero.

 

UN NOVO EDIFICIO INTEGRADO NA CONTORNA

A parcela obxecto do proxecto está situada nunha área con diversos proxectos para a súa rexeneración: a recente execución da rúa Manuel Rivero, a rehabilitación da edificación colindante destinada a aloxar vivenda protexida, o proxecto do futuro albergue municipal e o espazo destinado ao turismo e unha área verde. A proximidade do aparcadoiro municipal, dos centros educativos e doutros espazos públicos converten esta zona nunha crecente área de interese, nun novo centro urbano susceptible de xerar unha gran transformación socioeconómica nunha área que se estende máis aló da contorna inmediata.

 

Tras analizar a contorna o Concello aprobou a creación do edificio Dotacional Municipal que se elevará no terreo mantendo a compoñente horizontal característica das edificacións que dan fronte á rúa Manuel Rivero a través da formalización da cuberta da planta baixa. Ademais tamén conserva a volumetría de proporción cúbica da edificación demolida (parcela nº3), entendéndoa coma a máis correcta para o lugar de implantación, e que desenvolve un esquema de ocos que permiten harmonizar coas preexistencias así coma manter a memoria urbana do edificio actual.

 

Este volume elevado verase revestido cun acabado metálico, creando unha envolvente continua e dinámica (contraventás que se abren e se pechan), dando uniformidade e coherencia ao conxunto.

 

A planta baixa, non obstante, acristálase ao máximo buscando a súa transparencia, permeabilidade e a continuidade visual a través dos novos espazos xerados. Esta desenvólvese quebrándose, xirándose e interactuando coa trama definida na urbanización á que da fronte con quiebros que permiten mellorar o acceso ao centro, invitando e conducindo aos usuarios a entrar, ao tempo que reorientan o tránsito, a visión e a estancia cara ao patio traseiro.

 

Ao mesmo tempo, prantéxase, con obxecto de estender o uso da primeira planta e adaptar o espazo vacante á climatoloxía galega, a instalación dun volume translúcido, con elementos abatibles, lixeiros e desmontables de carácter provisional sobre a cuberta da planta baixa, a través da definición dun entramado metálico con envolvente de policarbonato celular. As ‘paredes’ de dito volume comporanse de elementos móbiles a base de portas corredoiras que poden recollerse integramente permitindo que este se converta nun espazo exterior cuberto.

 

 

REFORMA INTEGRAL DE MANUEL RIVERO

A estratexia de recuperación da zona de Manuel Rivero, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, levarase a cabo por parte do Concello de forma integral e en varias fases.

No n.º 5 da rúa farase a rehabilitación de seis antigas residencias de mestres para convertelas en catro vivendas de uso residencial temporal gratuito e dous locais rehabilitados para un uso cultural e social.

No n.º 1 e no n.º 3, obxecto da licitación actual, levarase a cabo a demolición de edificios antigos e posterior construción dun edificio de uso social: cunha planta destinada a espazo de conciliación e ludoteca; outra planta de asesoramento ao sector do comercio en accións de promoción dos produtos agroalimentarios comerciais e do Selo de Calidade; un piso de asesoramento en materia de emprendemento en sectores estratéxicos locais (transformación tecnolóxica dos sectores tradicionais); e un último piso polivalente para o tecido asociativo, cultural e social de Lalín.

O antigo colexio de Manuel Rivero tamén se demolerá e transformará nun espazo verde para o lecer infantil e da mocidade, sobre todo pola proximidade dun centro educativo que precisa deste espazo. Así a rehabilitación do solar resultante da demolición como zona axardinada, integrarase co resto da zona, con céspedes, zonas de sombra e bancos.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

O proxecto deste edificio Dotacional Municipal nace por parte do Concello dentro da súa política de reforzar o desenvolvemento local e urbano do municipio na selección de estratexias de ‘Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado’ cofinanciadas mediante o ‘Programa Operativo FEDER’ de crecemento sostible 2014-2020 a través da estratexia denominada ‘Lalín Ssuma21’ e que se enmarca dentro da  Liña de Actuación15: ‘Plan de Recuperación Social do Barrio Manuel Rivero’ cofinanciándose nun 80% polo “Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco del Programa Operativo de Crecemiento Sostible 2014/2020 actualmente integrado no POPE 2014/2020.

 

O edificio Dotacional Municipal intégrase dentro dunha actuación global para a recuperación e a rehabilitación dun barrio céntrico da cidade, aínda que física e socialmente deteriorado e próximo ao abandono, co fin de evitar o seu deterioro definitivo e poder recuperalo con fins sociais. Deste modo, ademais, aumentaríase o interese social por esta zona céntrica, fomentando que unha área de potencial marxinación urbana pase a ser un polo de atracción urbana.

O orzamento final desta Liña de Actuación, na que se enmarcan as obras de demolición e construción do Edificio Dotacional Municipal, a cargo da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, é de 974.400€, dos que o Concello se fai cargo do 20% total, uns 194.880€, e o restante 80% vai a cargo de fondos FEDER, 779.520€.

 

Para levar a cabo as obras do novo edificio Sociocultural Municipal haberá que levar a cabo a demolición dos edificios existentes no n.º 1 e no n.º 3 da rúa Manuel Rivero.  

 

O proxecto nace da necesidade de dar resposta a unha serie de carencias identificadas dentro do núcleo urbano de Lalín dentro do tecido social, económico e asociativo.

TAGS