Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • O Concello de Lalín, a través da actuación ‘Lalín Talento’, reunirá o vindeiro xoves 14 de outubro a emprendedores da contorna con refutada vagaxe empresarial para que dean a súa visión de negocio no rural.
  • O ciclo de xornadas de ‘Lalín Talento’ concluirá o vindeiro xoves 21 de outubro cunha charla centrada na ‘Creatividade e TICS’.
  • Mantense aberto o prazo de inscrición para asistir ás dúas últimas conferencias do programa, unha este xoves 14 ‘Empoderamento Rural’, e outra o vindeiro xoves 21 ‘Creatividade e TICS’.

 

Sábado, 9 de outubro de 2021

 

O programa ‘Lalín Talento’, enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21 do concello de Lalín, celebra este xoves 14 de outubro unha xornada de divulgación centrada no empoderamento rural cun encontro de apoio aos emprendedores locais para impulsar e incentivar o tecido empresarial nas contornas rurais. Tras o éxito da primeira xornada sobre a ‘Empresa’, esta segunda cita reunirá arredor do tema ‘Empoderamento rural’ a distinguidos profesionais emprendedores no ámbito rural, que comparten traballo, retos e éxitos, e onde tomarán parte das discusións e charlas que se presentan baixo esta liña temática.

 

Neste encontro, mulleres e homes que se abriron camiño no ámbito empresarial en entornos rurais contarán de primeira man a súa propia experiencia, compartindo os   motivos polos que decidiron emprender no rural, os problemas que atoparon nesta tarefa e as solucións que levaron a cabo como empresarios para, así, intentar amosar aos asistentes o camiño e as estratexias de resiliencia para o éxito.

 

 

EMPRENDEDORES NATOS

Entre as asistentes da xornada estarán presentes a zoqueira e deseñadora Elena Ferro e as empresarias de ‘Muuhlloa’ Marta Álvarez e Chusa Expósito. Elena Ferro é a terceira xeración de zoqueiros na súa familia e falará na xornada da súa aposta forte e decidida por manter e continuar cun traballo familiar baixo a marca ‘Eferro’ cunha combinación de marroquinería e traballo artesanal, mantendo vivo un oficio case en extinción. Pola súa banda Marta Álvarez e Chusa Expósito falarán no nome de ‘Muuhlloa’ e ‘Granxa Maruxa’, dúas cooperativas que engloban a cinco mulleres que tiveron a idea de mesturar gandeiría, agricultura, bioloxía, farmacia e espírito empresarial para sacar adiante unha marca de cosmética natural e ecolóxica con leite fresco de vacas galegas e extractos vexetais de plantas tradicionais da terra. Toda unha aposta polo medio rural como modo de vida.

 

Este xoves tamén contarán a súa experiencia na utilización do rural como modo de vida o gandeiro Xabier Paz e o guía de montaña Juan Sícolo. Javier Paz, que ten só 22 anos, deixou a carreira que estudaba para adicarse e apostalo todo á gandeiría e xestiona a día de hoxe na Terra Chá a maior finca privada de Galicia, 1.200 hectáreas arrendadas a un fondo de investimento e que conta con 150 vacas de raza orixinaria do macizo central francés, 130 cachenas e 200 bestas, a maioría de raza galega. Pola súa banda, Juan Sicolo é un guía de montaña que soubo coller a súa paixón pola natureza e fundou ‘Mawida’, unha empresa que ten como filosofía conectar o entorno de maneira respectuosa á vez que se desfruta del.

 

Pechará a xornada Javier Sampaio que falará da súa experiencia en ‘Lácteos Anzuxao’, unha fábrica que naceu a mediados dos 70 e que co paso dos anos se deu a coñecer a nivel internacional pola calidade dos seus produtos, ata tal punto que os seus queixos se poden degustar en todo o mundo. Todo isto sen deixar de lado a tradición e o esmero dos seus inicios.

 

Coa experiencia destes seis emprendedores dende o Concello de Lalín inténtase, a través do programa ‘Lalín Talento’, implementar unha dinámica de cooperación e colaboración entre os emprendedores e animar aos asistentes a que dean os pasos necesarios para utilizar as sinerxias do rural como modo de vida e de prosperidade.

 

 

ESTRATEXIA EDUSI

O programa ‘Lalín Talento’ está enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020, e ten por obxectivo favorecer a pervivencia de empresas con potencial pero que no superen os 3 anos de funcionamento, prestando especial atención a aquelas iniciativas innovadoras saídas de Lalín.

 

Con ‘Lalín Talento’, o Concello tenta loitar contra a despoboación da comarca dunha maneira activa creando un contorno no que os mozos e mozas se interesen polo coñecemento como elemento de futuro e mitigar así a perda de peso dos activos locais, favorecendo a imaxe interna e externa de Lalín como un lugar de establecemento do talento e de novas iniciativas.

 

TAGS