Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • Xa hai inscritas 109 persoas e o prazo seguirá aberto ata completar aforo
  • A responsable da DUSI, Paz Pérez, subliña que aínda quedan prazas vacantes para as tres xornadas e anima aos interesados a que se inscriban en www.lalintalento.com

A responsable da DUSI, Paz Pérez, subliña que aínda quedan prazas vacantes para as tres xornadas e anima aos interesados a que se inscriban en www.lalintalento.com
GRAN RESPOSTA DA CIDADANÍA NA INSCRICIÓN DAS XORNADAS DE EMPRENDEMENTO DO PROGRAMA LALÍN TALENTO

Xa hai inscritas 109 persoas e o prazo seguirá aberto ata completar aforo

Sábado, 25 de setembro de 2021

O Concello de Lalín recibiu xa a petición de inscrición de máis dun cento de persoas para as xornadas que está a impulsar a través do programa Lalín Talento, un proxecto de incentivación do emprendemento ao abeiro da estratexia DUSI Ssuma21. Durante o mes de outubro o Concello ofrece tres conferencias que amosarán o talento local de Lalín con repercusión autonómica e nacional para agregar valor contando historias baseadas na propia experiencia dos protagonistas. 

A responsable municipal da DUSI e tenente de alcalde, Paz Pérez, indica que dende o Concello animan “a todas as persoas interesadas a que se inscriban na páxina www.lalintalento.com antes de que se encha o seu aforo”, limitado por motivos derivados da Covid-19, xa que aínda quedan prazas libres para as tres xornadas de emprendemento sobre as temáticas “Empresa” (4 de outubro); “Empoderamento rural” (14 de outubro) e “Creatividade e TICS” (21 de outubro).

Nas conferencias, mulleres e homes que lideran, protagonizan e participan en diversos eidos da economía, da sociedade e do emprendemento contarán de primeira man a súa propia experiencia coas que intentarán amosar aos asistentes o camiño e as estratexias de resiliencia para o éxito. Entre esas persoas atoparemos á cociñeira Lucía Freitas, á zoqueira Elena Ferro, aos empresarios de Kalekoi Susana Aguiar e Álex Moure, á sumiller Carlota Iglesias, ou ao guía de montaña Juan Sicolo.

Segundo explica Paz Pérez, as conferencias preséntanse como unha “ferramenta que contribúe ao fortalecemento das persoas participantes a través de temáticas coma a investigación, o emprendemento, os negocios, a gastronomía, a ciencia, o desenvolvemento persoal, a creatividade dixital, os negocios e a innovación como modo de vida”. A tenente de alcalde subliña que iniciativas como “Lalín Talento” son necesarias para “implantar medidas que favorezan as oportunidades dos máis mozos e crear un contorno social proclive a apostar polo coñecemento como elemento estabilizador  e, sobre todo,  rexuvenecedor da poboación”.

O programa “Lalín Talento” está enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020, e ten por obxectivo favorecer a pervivencia de empresas con potencial pero que no superen os 3 anos de funcionamento, prestando especial atención a aquelas iniciativas innovadoras saídas do Vivero de empresas e do Espazo de Coworking de Lalín. 

Con “Lalín Talento”, o Concello tenta loitar contra a despoboación da comarca dunha maneira activa creando un contorno no que os mozos e mozas se interesen polo coñecemento como elemento de futuro e mitigar así a perda de peso dos activos locais, favorecendo a imaxe interna e externa de Lalín como un lugar de establecemento do talento e de novas iniciativas.

As conferencias enmarcadas dentro desta estratexia darán comezo o vindeiro 4 de outubro, continuarán o 14 e rematarán o 21 de outubro. Desenvolveranse no vestíbulo do Concello en horario de 17.15 a 20.30 horas. Cada relatorio do programa Lalín Talento recoñece e impulsa o talento doutras persoas, direccionándoas a horizontes menos explorados.


Máis información e inscricións gratuítas en www.lalintalento.com
#lalintalento #concellodelalin #DUSI #lalinssuma21
Segue a @lalintalento en facebook, instagram e twitter
 

TAGS