Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN DAS RÚAS PRINCIPAL E LORIGA ENCARAN A SÚA RECTA FINAL COS TRABALLOS PARA HABILITAR ZONAS VERDES, ESPAZOS SINGULARES E SERVIZOS 'SMART CITY'

  • Ademáis de varios microxardíns e dunha ‘actuación singular’ na Praza dos Nenos, quedarán habilitadas 16 prazas de aparcamento, dúas delas para minusválidos, e dúas zonas de carga e descarga.

 

  • Os servizos ‘Smart City’ permitirán optimizar o aparcamento, o tráfico, a iluminación, a xestión do lixo e o sistema de rego, entre outros.

 

Luns, 24 de xaneiro de 2022

As obras das rúas Principal e Loriga, no centro de Lalín, encaran a súa recta final cos traballos en zonas verdes, microxardíns e calzada, e rematando acondicionamentos como a recollida de augas, que se fará cunha recollida lineal a través dunha pequena ranura no pavimento. Nestas datas tamén se segue a traballar no acondicionamento da iluminación e nos vindeiros días avanzarase na ‘actuación singular’ na Praza dos Nenos, ao tempo que xa se vai preparando o terreo para abordar os servizos de ‘Smart City’.

 

Grazas a estes traballos, enmarcados na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, estase a acondicionar unha superficie dun 3.200m² ao longo de 230m de rúa que van dende o encontro da rúa Principal con Calvo Garra ata Joaquín Loriga con Pintor Laxeiro. Cando rematen estes traballos, o centro de Lalín disporá dunha única plataforma para toda a rúa na que se combinarán as zonas verdes coas necesidades dos peóns, dos veciños e do tráfico rodado.

 

No que atinxe ás zonas verdes, tense previsto realizar plantacións nunha superficie duns 100m² repartidos ao longo de toda a rúa, mantendo algunhas das árbores existentes e plantando novas especies arbustivas nas vindeiras semanas, conforme se vaia achegando a primavera. Neste días estase a traballar na habilitación de pequenos microxardíns coa colocación das pedras salteadas, que xa resultan visibles nalgúns treitos da calzada.

 

En relación co tráfico rodado, quedarán habilitadas 16 prazas de aparcamento, dúas delas para persoas con mobilidade reducida na zona que vai dende o encontro entre a rúa Principal e Calvo Garra ata Pintor Laxeiro, e dúas zonas de carga e descarga.

 

A iluminación é un dos aspectos fundamentais destas obras. Segundo nos comenta Martín Toimil, paisaxista do estudo Land 30, a idea é facer 'un proxecto articulado en base ao 'Kilómetro 0' que recrea unha iluminación antiga pero usando a tecnoloxía de hoxe en día'.

 

Dende o punto de vista visual, o máis chamativo é a luminaria en forma circular suspendida por catro báculos e que xa está instalada. 'É un aro de luz de grandes proporcións, con catro metros de diámetro, recuberto cunha carcasa para facilitar que a luz se centre sempre cara a abaixo, que non distorsione cara a arriba e cuxo obxectivo é destacar o 'Kilómetro 0', matiza Aida Janeiro, da empresa Promove, responsable deste proxecto. Pero, ademais dese aro de luz central, mantéñense as farolas que xa hai e que serán complementadas con iluminación indirecta baixo os bancos existentes e proxectores iluminando directamente as copas das árbores.

 

Outro dos aspectos máis singulares destas obras de humanización é a actuación na chamada Praza dos Nenos, na Rúa Observatorio, coa idea de xerar un espazo atractivo para estar que ademais exerza de zona verde no centro da vila. Nese lugar o pavimento antigo das beirarrúas tiña unhas lousas moi grandes; agora, esas mesmas lousas colocadas sobresaen do terreo e van xogando a diferentes alturas no xardín. 'Este cremos que é un elemento singular, así como un pouco escultural, xa que tamén reubicamos unha escultura dos nenos e colocámola nun deses bloques de tal xeito que queda como virada cara a rúa', sinala Martín Toimil.

 

Nesa mesma zona da Praza dos Nenos e neses bloques referidos, instalarase unha hornacina ou armario embelecido que, ao mesmo tempo, será decorativo, pasará desapercibido e permitirá ter acceso aos elementos de instalación, que deste xeito non quedan soterrados. Será un dos últimos traballos a realizar xa que antes deben estar rematados servizos como o cadro eléctrico e o sistema de rego, entre outros.

 

SMART CITY’, A PROCURA DUNHA RÚA INTELIXENTE

 

Os traballos de humanización das rúas Principal e Loriga inclúen a habilitación de varios servizos calificados como ‘Smart City’ que están pensados para facilitar, regular e optimizar o conxunto dos elementos finais e procurar maiores beneficios aos usuarios en termos de consumo ou tempos.

 

Neste caso, as actuacións 'Smart City' compóñense, por unha banda, de sensores de aparcamento que van indicar que número de aparcamentos están ocupados e cales non, de tal xeito que a xente que acceda á rúa saiba realmente se vai poder aparcar ou non.

 

Doutra banda, contarase con sensores nos contedores que faciliten coñecer o seu nivel de capacidade e optimizar a recollida de residuos; é dicir, se nun momento determinado o contedor está cheo, o camión do lixo sabería que ten que pasar a recollelo aínda que non estivese previsto.

 

Ademais Incorpórase tamén a xestión da iluminación, en regulación e en horas de aceso, para ter un consumo máis apropiado.

 

Por outra banda, contarase na zona cun novo 'tótem', unha pantalla dixital na que se pode amosar información, e que se suma aos dous que xa hai en Lalín, un na Praza da Igrexa e outro preto do Centro de Saúde. Ligada a ese 'tótem' hai unha estación meteorolóxica que axudará coa xestión do rego achegando información, entre outras, sobre a necesidade de auga.

 

Por último, instalarase un sistema de acceso intelixente regulado a través dun elemento fixo que permitirá controlar o acceso á rúa conforme ás necesidades do tráfico por parte do  Concello.

 

ESTRATEXIA EDUSI

O plan de humanización de estas rúas do concello está enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020, e ten por obxectivo mellorar a sostibilidade da mobilidade urbana.

 

TAGS