Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO DE LALÍN REMATA VARIOS TRAMOS DO ‘CINTO VERDE’ QUE PERCORRERÁ O CASCO URBANO E CONECTARÁ OS SEUS PRINCIPAIS CENTROS NEURÁLXICOS

  • Xa están acondicionados un total de quince tramos da Senda Peonil Verde e Segura na Carballeira do Rodo e do ‘Lalín Cinto Verde’.
     
  • Con este cinto verde, Lalín terá conectados os seus principais edificios públicos e centros neurálxicos a través dun sistema de mobilidade sostible.

 

Mércores, 8 de decembro de 2021


O Concello, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, está a traballar na creación dun cinto verde que percorra o casco urbano de Lalín. Esta actuación mellora a interconexión urbana e periurbana usando como eixo o Paseo Pontiñas, ao ser a columna vertebral das zonas verdes do concello, ao mesmo tempo que facilita a mobilidade sostible e saudable dos cidadáns.

Este cinto verde no que se está a traballar funcionará como unha interconexión entre as diferentes zonas verdes do concello e as áreas urbanas, fomentando o lecer mediante o desfrute activo dos parques e sendas verdes. Unha vez rematados todos os traballos, os veciños dispoñerán de mellores accesos a zonas axardinadas e boscosas e poderán gozar de máis sendas saudables, reducindo a mobilidade con vehículos a motor. 

O proxecto parte da adecuación de camiños públicos xa existentes, aínda que teñen outros usos ou están sen acondicionar, para crear unha plataforma multimodal peonil e ciclista baseada en sendas e, naquelas vías que compartan espazos co coche, optarase por mellorar a seguridade do peón ou do ciclista. 

Unha vez completados os traballos, Lalín terá conectados os seus principais edificios públicos e centros neurálxicos a través dun sistema de mobilidade sostible que reducirá a pegada de carbono e evitará moitos desprazamentos en coche.

 

TRAMOS XA REMATADOS


Estes traballos están a ser desenvolvidos na actualidade e mesmo xa están rematados algúns deles. É o caso de varios tramos da Senda Peonil Verde e Segura da Carballeira do Rodo, Lalín e Xaxán, a primeira en ser acometida. No tramo do Rodo non existía ningunha senda previa, era unha zona verde uniforme con acceso dende a estrada. Algo semellante ocorría con outros dous tramos que tamén están xa finalizados: o de Xaxán, un tramo de cuneta da estrada provincial, e o de Goiás,un tramo de zona verde municipal e de cuneta da estrada provincial.

En todas estas zonas, o que se está a facer é 'dotalas dunha base ou calzada accesible cunha pavimentación con materiais acordes coa paisaxe, coma o xabre, instalando ademais iluminación ou elementos de protección', segundo nos indica Francisco Guerra, técnico do proxecto. Todo o cinto verde estará homoxeneamente sinalizado e dotarase de elementos simples e sostibles de descanso e iluminación.

Doutra banda, as melloras tras as obras son evidentes naqueles tramos do chamado ‘Lalín Cinto Verde’ que antes eran camiños de servizo usados polos propietarios das parcelas lindeiras, como o de Lalín Arena, o Camiño do Muíño, o Camiño da Costa, Filgueiroa e mesmo a Carballeira da Crespa. Noutros, como o Monte da Pena, só había terreos municipais sen ningún tratamento, cheos de maleza e vertidos, mentres a Rúa do Regueiriño era unha zona urbanizada de beirarrúas e aparcamentos. Tamén están xa acondicionadas a Zona de Descanso, unha intersección de camiños que se atopaba sen uso definido, e o Camiño entre a Avenida Xosé Cuiña e o Paseo do río Pontiñas.

Segue a traballarse noutras zonas e noutro tipo de tarefas, como na mellora da accesibilidade da beirarrúa existente no caso da rúa da Romea-Avenida do Empalme-Donramiro-Avenida Montserrat-Rúa do Castro e no acondicionamento da Rolda Leste, onde unicamente existía unha beirarrúa de formigón.

 

 ESTRATEXIA EDUSI


O plan de creación dun cinto verde que percorra o perímetro do casco urbano de Lalín está enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020.

TAGS