- As actuacións xa rematadas distribúense en nove tramos: Lalín Arena e Camiño do Muíño, Camiño da Costa, Filgueiroa, Carballeira da Crespa, Monte da Pena, Rúa do Regueiriño, Zona de descanso e Camiño entre Avenida Xosé Cuíña e Paseo do río Pontiñas.
- Con este ‘Cinto Verde’ Lalín terá conectados os seus principais edificios públicos e centros neurálxicos a través dun sistema de mobilidade sostible.
Mércores, 23 de febreiro de 2022
O Concello de Lalín, no marco da Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, vén de rematar o acondicionamento dun ‘Cinto Verde’ que supón un renovado pulmón de natureza da área urbana e periurbana e unha mellora significativa no que atinxe á mobilidade sostible no municipio.
O obxectivo da actuación 'Lalín Cinto Verde' é adaptar e mellorar un total de nove tramos verdes configurando un corredor de natureza en Lalín que percorra o perímetro do centro urbano a través do eixo que supón o paseo do río Pontiñas, principal zona verde da localidade.
Esta actuación, xa rematada, fai uso de camiños xa existentes ou conexións viarias xa dotadas parcialmente con zonas de paso peonil e/ou carril bici. En calquera caso, a súa construción facilita unha mobilidade multimodal, sostible e saudable na área urbana, abarcando os puntos neurálxicos da cidade (edificios administrativos, edificios educativos e edificios deportivos), reducindo desprazamentos innecesarios en coche e, tamén, contribuíndo á redución da pegada de carbono nos tránsitos urbanos.
Todos os traballos acometidos polo Concello se basean no respecto ás condicións paisaxísticas da zona. Ademais, as solucións propostas definíronse seguindo criterios de durabilidade, resistencia ao uso e ás condicións climáticas e facilidade de mantemento.
NOVE TRAMOS MELLORADOS PARA USO E SERVIZO DOS VECIÑOS
As actuacións realizadas abarcan unha superficie total de 20.868 metros cadrados distribuídos en nove tramos: Lalín Arena e Camiño do Muíño, Camiño da Costa, Filgueiroa, Carballeira da Crespa, Monte da Pena, Rúa do Regueiriño, Zona de descanso e Camiño entre Avenida Xosé Cuíña e Paseo do río Pontiñas.
Os cinco primeiros espazos renovados comprenden antigos camiños tradicionais que atravesan unha paisaxe rural caracterizada polas leiras de cultivo e polas extensións de bosque de carballos e castiñeiros. Todos estes tramos teñen un gran valor paisaxístico e boa parte dos seus camiños están definidos por muros de mampostería tradicionais.
No tramo do Lalín Arena, substituíuse a escaleira de madeira existente, con problemas de adherencia cando chovía, por unha nova escaleira de pasos de pedra con xuntas verdes e varanda de aceiro con acabado de pintura férrica en cor negra. Tamén se dotou a este espazo dun novo pavimento de grava artificial estabilizada con cunetas laterais empedradas, ademais de balizas e carteis informativos.
O treito do Camiño do Muíño, bordeado por grandes carballos, acondicionouse cun pavimento brando composto dunha base de encachado de grava compactada, unha capa de gravilla artificial estabilizada con cemento branco e unha capa de acabado de grava fina para conseguir unha superficie do firme máis regular. A superficie ten agora unha pendente transversal aos dous lados do 2% para evacuar o máis rapidamente posible a auga, que se recolle en dúas cunetas laterais cara ás leiras situadas xunto ao camiño ou se drena cara ao terreo mediante gabias filtrantes. Nas zonas nas que a pendente lonxitudinal é superior ao 10%, colocáronse elementos lonxitudinais de contención e canalización de auga de madeira tratada en autoclave.
O tramo do Camiño da Costa caracterízase polas súas fortes pendentes, agora máis levadías grazas a unha escaleira formada por tabicas de pezas de xisto labrado que conteñen os pasos de gava estabilizada. No tramo asfaltado rozáronse as marxes e fixéronse cunetas para a recollida e condución das augas pluviais. O acabado das cunetas é empradizado, coma no resto dos tramos do camiño.
O seguinte treito, o da Filgueiroa, iníciase no camiño asfaltado que comunica a Avenida do Empalme co núcleo de Filgueiroa. O camiño está limitado por terrapléns e muros de mampostería, xunto aos que medran carballos e castiñeiros de gran porte, e a sección media do camiño é duns catro metros. Do mesmo xeito que no resto dos tramos correspondentes a antigos camiños tradicionais, acondiciónase cun pavimento brando cuxa superficie ten unha pendente transversal cara aos dous lados do 2% co obxectivo de drenar a auga de forma eficiente.
No extremo norte deste tramo, no seu encontro co Paseo do río Pontiñas, colocouse tamén unha nova escaleira de pasos de pedra con xuntas verdes e varanda de aceiro con acabado de pintura férrica en cor negra.
A Carballeira da Crespa é o tramo que conecta o núcleo de Filgueiroa, polo norte, co Paseo do río Pontiñas. Trátase tamén dun camiño tradicional cunha ampla caixa que presenta tramos con pendente acusada na súa zona central. Ás melloras habituais no chan, en liña co resto de tramos, engádense, neste caso, uns badéns formados con pezas de xisto labrado para conter o pavimento e conducir a auga cara ás cunetas laterais evitando a erosión producida pola escorrentía.
MONTE DA PENA: A ACTUACIÓN MÁIS EXTENSA
A actuación máis extensa nestes traballos do 'Lalín Cinto Verde' é a realizada no treito do Monte da Pena, ao arredor de 4.000 metros cadrados, nos que se atopa un antigo camiño de acceso a leiras e ao muíño situado xunto ao Rego de Rebordelo. O regato ten o atractivo das zonas húmidas que hai preto das correntes de auga, coa súa vexetación característica de fentos e amieiros.
Neste tramo, procedeuse á recuperación da topografía dos taludes situados ao norte (a carballeira) e da zona alterada pola construción da Rolda Leste e á rexeneración da capa vexetal mediante achega de substrato, contención con xeomallas e plantación de gramíneas autóctonas, ademais de recuperar tramos do antigo camiño e acondicionar a zona mediante escaleiras de pasos de pedra e bancos con bases de granito.
A Rúa do Regueiriño, pola súa banda, conecta o Paseo do río Pontiñas coa Praza do Concello e o centro da vila; é dicir, é o espazo de transición entre as contornas urbana e rural. As obras realizadas pretendían que os espazos verdes do paseo se prolongasen cara ao centro de maneira máis atractiva e natural, dotando ademais a zona dun carril bici, áreas para actividades deportivas, árbores e zonas específicas de aparcadoiro para discapacitados.
O tramo chamado coma Zona de descanso está situado xunto a unha pista rural que comunica co lugar de Filgueiroa, unha zona de paisaxe rural na que se mesturan parcelas dedicadas ao cultivo con zonas de arbores autóctonas. Trátase dun espazo cunha forma sensiblemente triangular e con caída este-oeste que se axardinou na súa parte central, colocando tamén dous bancos, que posibilitan o descanso entre as árbores, e luminaria.
Por último, mellorouse o firme e estableceuse un sistema de evacuación de auga que facilite o mantemento no tramo que comunica a Avenida Xosé Cuíña co Paseo do río Pontiñas, ademais de instalar moxóns informativos.
ESTRATEXIA EDUSI
O plan de creación dun cinto verde que percorra o perímetro do casco urbano de Lalín está enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21.
A inversión total nesta liña de actuación é de 690.000 euros, dos cales un 80% proveñen dos fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020, e o 20% restante é aportado polo Concello de Lalín.