- O obxectivo principal da obra, segundo Aída Janeiro, responsable da proposta técnica levada a cabo, é ‘converter estas rúas céntricas nunha plataforma única e o ‘kilómetro cero’ como elemento xerador e epicentro da vila’
- O deseño baseouse na imaxe da rúa de principios de século, con beirarrúas de lousas de pedra duns 2 metros de ancho.
Domingo, 5 de decembro de 2021
O Concello de Lalín está a acometer os traballos de humanización das rúas Principal e Loriga, que marchan a bo ritmo, e que, unha vez rematados, suporán unha nova imaxe para o centro da vila e a contorna do chamado ‘Kilómetro Cero’, ademais de proveitosas melloras para os veciños.
Sobre este proxecto de humanización, enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín SSUMA 21, falamos con Aida Janeiro, da empresa Promove, cuxa proposta técnica foi a elixida para levar a cabo a actuación. 'As rúas Principal e Loriga funcionan como eixo da vila e consideramos que teñen que ter unha aparencia acorde a esta función e unha imaxe urbana actual', indica Aída. Este foi o punto de partida para un proxecto auspiciado polo concello. 'O proxecto xorde dun concurso proposto polo Concello cuxa finalidade era humanizar as rúas Principal e Loriga e convertelas nunha plataforma única. Esas foron as premisas iniciais de cara a proposta inicial'.
UN DESEÑO QUE SE INSPIRA NA HISTORIA
Esta actuación é o resultado dun traballo en equipo no que colaboraron as empresas Land30 e a devandita Promove e que supuxo tamén unha importante labor de documentación. 'Pareceunos importante coñecer a historia destas rúas e a proposta nace como unha volta ás orixes dunhas rúas que son o “punto de partida” do Lalín que coñecemos hoxe en día'.
A proposta pretende que a confluencia das rúas Loriga, Principal, Colón e Praza da Igrexa abran o camiño a unha futura peonalización. E a inspiración estivo na propia historia da rúa. 'Esteticamente baseámonos na rúa de principios de século, na que as beirarrúas se realizaban con lousas de pedra duns 2 metros de ancho e nos resto da vía mesturábase o tráfico rodado e o peonil sen unha orde específica', indica Aída Janeiro.
A isto engádese 'a idea de KM0 como elemento xerador e epicentro da vila'. Porque con estes traballos o KM0 cobrará mais protagonismo do que ten a día de hoxe. Aída Janeiro subliña que se 'mantén a mesma placa de bronce e, tomando como referencia a iluminación existente a principios de século, que consistía nunha lámpada suspendida no medio do cruce das catro rúas, proponse un aro de luz suspendido nese mesmo punto que ilumina este punto tan importante da vila'.
A PARTICIPACIÓN DOS VECIÑOS, ESENCIAL
As necesidades e achegas veciñais son esenciais tanto para que lles resulte útil como para resolver carencias. Así o tivo en conta o equipo de Promove: 'Parece que, cada vez máis, o urbanismo vai orientado a facer que as rúas sexan espazos para as persoas, combinando zonas de lecer con zonas verdes, eliminando pouco a pouco a presencia do tráfico rodado. Na miña opinión, actualmente estas rúas son o contrario e isto é a principal carencia'.
A participación dos veciños é tamén determinante á hora de plantexar que e como facer o traballo. 'Algunhas das prioridades e necesidades foron establecidas polo veciños mediante unha serie de reunións mantidas con eles, nas que foi moi importante a participación cidadá', indica Aída Janeiro. Porque tamén serán os que máis poderán gozar das melloras que suporá esta humanización dunha zona tan emblemática para a vila. 'A principal mellora é que a rúa pasa a ser para os peóns, cómoda e accesible para todos os veciños. Mellórase a iluminación e creánse espazos de estar e pequenas zonas verdes que a fan máis acolledora'.
Ao final, o máis gratificante destes traballos de humanización das rúas Principal e Loriga e da contorna do KM0 é acadar 'un cambio significativo en Lalín que mellore a vila e enriqueza a vida dos veciños e dos que gozamos dela', subliña Aída Janeiro.
ESTRATEXIA EDUSI
O plan de humanización de estas rúas do concello está enmarcado na Estratexia EDUSI Lalín Ssuma21, cofinanciada nun 80% con fondos FEDER mediante o POCS (Plan Operativo de Crecemento Sostible) 2014-2020, actualmente integrado no POPE 2014-2020, e ten por obxectivo mellorar a sostibilidade da mobilidade urbana.