Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

  • O arquitecto Pablo Fernández será o encargado de elaborar este documento
  • A actuación afectará a unha parcela de 1.523 metros cadrados e contempla tanto o derrube do vello colexio como a explanación da parcela
  • O custe da intervención calcúlase próximo aos 80 mil euros
  • A demolición desta infraestrutura é necesaria para a futura construción do novo albergue de peregrinos e para a rexeneración da zona dentro do Plan de recuperación social do Manuel Rivero

 

O concelleiro de Urbanismo e coordinador da estratexia Lalín Ssuma 21, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vén de facer efectiva mediante acordo de Xunta de Goberno a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto de demolición do antigo colexio Manuel Rivero, explanación da súa parcela e dirección facultativa da obra. Esta actuación foille encargada ao arquitecto Pablo Fernández Villamarín, que presentou a oferta máis vantaxosa das 5 solicitadas. A demolición do vello centro educativo enmárcase dentro do denominado Plan de recuperación social do Manuel Rivero, un dos proxectos máis ambiciosos da estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020).

 

O ámbito de actuación comprende o total da parcela do antigo colexio Manuel Rivero, cunha superficie de 1.523 metros cadrados, dos que 1.014 están ocupados pola edificación. A demolición desta infraestrutura é necesaria para a futura construción do novo albergue de peregrinos e para a explanación da parcela de maneira que exista unha continuidade entre as rúas e as rasantes finais da parcela resultante. O custe estimado que alcanzará a demolición do vello colexio e a explanación da parcela, calcúlase próximo aos 80 mil euros. O arquitecto contratado polo Concello ten un mes de prazo para redactar o proxecto. Posteriormente abrirase o proceso de licitación, de xeito que a adxudicación definitiva da obra terá lugar nun prazo aproximado de 3 meses.

 

O Concello prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero máis dun millón de euros, o que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada.  Na zona do colexio o proxecto contempla a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza. Por outra banda rehabilitaranse as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe e reordenar o tráfico e os aparcamentos na medida do posible desta rúa e convertela nunha rúa de prioridade peonil, entre outras cuestións.

TAGS