Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O CONCELLO PROLONGARÁ O PASEO DO PONTIÑAS NO MARCO DO CINTO VERDE PROXECTADO DENTRO DA ESTRATEXIA LALÍN SSUMA21

  • O incremento do percorrido realizarase co aproveitamento das parcela municipal existente á beira da Rolda Leste, do lago do Pontiñas e do centro comercial Deza.
  • Para a definición desta iniciativa, o Concello mantén aberto o proceso para a contratación externa do anteproxecto.
  • González Casares explica que o Cinto Verde permitirá avanzar cara un modelo de vila cunha mobilidade máis sostible e solucionará problemas de interconexión urbana.

O Concello mantén aberto o proceso para a contratación externa da redacción do anteproxecto para a definición do Cinto Verde de Lalín, unha das iniciativas incluídas dentro da estratexia DUSI Lalín SSUMA21 e que se vai financiar con cargo aos máis de 5 millóns de euros procedentes de fondos europeos FEDER. As empresas interesadas en concorrer á elaboración deste anteproxecto teñen de prazo ata mañá para presentar as súas ofertas, nun procedemento que estivo aberto dez días, ao que se convidou a participar a varios estudios e ao que aínda se poden presentar todas as empresas que estean interesadas. O Concello vai destinar preto de seis mil euros á redacción dun anteproxecto que permitirá concretar o deseño para mellorar a interconexión urbana e periurbana empregando a principal zona verde de Lalín.

Polo miúdo, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, explica que a definición dese Cinto Verde debe incluír, entre outras medidas, a prolongación do paseo do Pontiñas como principal eixe vertebrador desta iniciativa. En concreto, o incremento do seu percorrido propiciará a creación dun novo espazo verde no entorno do coñecido como Monte da Pena, unha área que se atopa á beira da Rolda Leste, nas proximidades do centro comercial Deza e do lago do Pontiñas. Neste punto hai un predio de propiedade municipal en práctico desuso, no que se pretende crear un novo espazo de lecer para o desfrute de toda a cidadanía, mediante o acondicionamento da parcela facéndoa accesible e humanizándoa.

Non obstante, indica Casares, “non se vai modificar de xeito relevante a estrutura natural do lugar, senón que se tratará de conservar a súa esencia instalando, simplemente, sendas e accesos adecuados, colocando sinalización e coa posibilidade de dotar a zona máis elevada do predio dun mirador de madeira”. Desta maneira tamén se facilitará que o Cinto Verde una os extremos do Paseo do Pontiñas, recorrendo o perímetro do casco urbano, aproveitando camiños xa existentes e outras conexións viarias mediante unha mínima actuación física.

En calquera caso, e de acordo coa filosofía que se vai empregar de maneira transversal no desenvolvemento de todas as liñas de actuación do Lalín SSUMA 21, na definición deste proxecto terase especialmente en conta a participación cidadá. Así, tras coñecer as necesidades e suxestións da veciñanza, definirase de maneira exacta o percorrido do Cinto Verde e as prioridades de circulación (para peóns, ciclistas ou vehículos) en cada un dos seus treitos. Tal e como explica González Casares, este trazado permitirá conectar perimetralmente e mediante un sistema de movilidade sostible os principais edificios públicos de servizos existentes en lalín. Desta maneira, a menos de 100 metros do Cinto Verde, quedarían emprazados a casa do Concello, o Lalín Arena, os xulgados, o estadio de fútbol, a estación de autobuses ou os diferentes centros educativos do municipio, entre outros. Neste contexto, e mediante a adecuación dos camiños públicos existentes, promoverase unha movilidade saudable para a cidadanía, ao tempo que se evitan os desprazamentos innecesarios en coche e se mellora a seguridade peonil e ciclista.    

Entre os traballos que terá que realizar a empresa que resulte adxudicataria da redacción deste anteproxecto, tamén está a elaboración do prego de prescripcións técnicas que sirva de base para a contratación das actuacións necesarias. Con este obxectivo, a elaboración deste deseño deberá contar cando menos coa adscripción dun Arquitecto Superior ou Enxeñeiro de Camiños e cun grao de Xeografía e Historia ou equivalente. O prazo para a redacción do anteproxecto será de oito semanas a partir da sinatura do correspondente contrato.

TAGS

Praza de Galicia, 1, 36500, Lalín