Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

REUNIÓN PARTICIPATIVA SOBRE O PROXECTO DE REHABILITACIÓN DA ZONA DE INTERESE HISTÓRICO E PATRIMONIAL DE DONRAMIRO

Este serán celebrouse no centro social de Donramiro unha reunión informativa e participativa sobre o proxecto de rehabilitación da área urbana de interese cultural e patrimonial desta parroquia. Trátase dun proxecto incluído na estratexia DUSI Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014- 2020). Como explicou o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, a xuntanza tivo por obxectivo principal explicarlles aos veciños e veciñas as liñas mestras da mencionada intervención. Ademais, estivo fundamentalmente enfocada ás persoas con propiedades na zona do castro para informarlles da vontade do Concello de adquirir mediante negociación ou expropiación terreos na coroa do castro e nos camiños lindeiros. Casares explicou a importancia para Lalín deste xacemento “practicamente urbano” polo que puxo de manifesto a necesidade de recuperalo e poñelo en valor para que funcione como recurso turístico e cultural, xa que, ademais, debido á súa situación, conforma un miradoiro natural sobre a vila.

Durante a reunión tamén se informou de que a actuación de Donramiro ten fundamentalmente dúas áreas de definición, xa que ademais da do castro tamén se vai recuperar a zona da igrexa. Desta maneira, a recuperación deste conxunto vai permitir establecer unha relación harmónica e respectuosa entre a Igrexa e o Castro (zonas que xa están catalogadas como recursos protexidos) co casco urbano de Lalín e o paseo do Pontiñas. Casares tamén incidiu na extraordinaria importancia histórica do entorno de Donramiro e resaltou que a súa posta en valor permitirá potenciar as súas grandes posibilidades e o seu enorme atractivo para o desfrute por parte da veciñanza de Lalín e dos nosos visitantes”.

O edil de Urbanismo informou aos presentes de que xa se está rematando o estudio topográfico que servirá de base para o concurso de proxectos que vai decidir a rehabilitación e posta en valor da área. Finalmente indicou que a parroquia de Donramiro é unha das zonas que “máis vai notar as intervencións positivas do DUSI no seu entorno, o que se sumará a outras iniciativas como a próxima execución da rotonda do Monserrat”.

TAGS