Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O Concello de Lalín vén de activar o proceso que culminará na posta en marcha de servizos de conciliación concretos adaptados ás necesidades reais da cidadanía. Ese é un dos grandes obxectivos do Plan Concilia Lalín, unha das liñas de actuación que se inclúe dentro dos proxectos da estratexia DUSI Lalín Ssuma 21 e que terá un carácter eminentemente participativo.

 

O concelleiro de Benestar Social, Nicolás González Casares, e a concelleira de Educación, Lara Rodríguez Peña, mantiveron esta mañá a primeira reunión de coordinación con representantes da empresa Retnova Proxectiaconsulting, que resultou adxudicataria do proceso de contratación da asistencia técnica para a posta en marcha desta iniciativa. O proxecto enmárcase dentro do firme compromiso do Goberno a prol da conciliación laboral e familiar e márcase como marco temporal para o seu completo desenvolvemento 3 anos. En total, o Concello destinará á activación deste plan de marcado carácter social 217.500 euros -dos que 11.240 se destinan a esta asistencia técnica- e que se financian con cargo aos máis de 5 millóns dos fondos europeos FEDER concedidos a Lalín por ser seleccionada a súa estratexia de desenvolvemento urbano sostible.

 

Tal e como explica o tenente de alcalde, o Plan Concilia Lalín “é un programa integrador de conciliación a nivel local que dotará ás familias dun entorno de seguridade no coidado dos fillos e fillas.” Esta actuación desenvolverase en varias vertentes. Por unha banda (e sempre tras un proceso participativo e transversal no que se lle dará voz aos axentes familiares, como a comunidade escolar ou as asociacións) crearase unha plataforma de actividades extraescolares en coordinación coas Asociacións de Pais e Nais de Alumnos, buscando sinerxías entre elas para conformar un “mapa de actividades”.

 

En segundo lugar porase en marcha o denominado espazo comunitario pedagóxico, que funcionará como punto de apoio á conciliación. Terá a finalidade de activar un sistema de ocio educativo e participativo no que terán lugar, por exemplo actividades formativas diversas, como pode ser sobre robótica, artes plásticas, expresión artística etc. Por último, como terceiro eixo da iniciativa, estableceranse as chamadas actividades de respiro familiar que, ao igual que no punto anterior, terán basicamente natureza educativa.

 

Como sinalou Nicolás González Casares, “a posta en marcha deste programa dentro do Lalín Ssuma21 xurde da necesidade de fomentar no noso municipio mecanismos que faciliten a conciliación e de ordenar as actividades extraescolares, así como aportar outras máis novidosas”.

TAGS