Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, vén de informar de que Lalín vai estar representado en todos os grupos de traballo recén conformados pola denominada Rede de Iniciativas Urbanas (RIU), un organismo aberto do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas que se configura como un mecanismo de coordinación, impulso e xestión das actuacións en materia urbana cofinanciadas por fondos europeos FEDER, como é a estratexia Lalín Ssuma 21. Deste xeito, a RIU acaba de crear os diferentes subgrupos a través dos que se realizará o seguimento das estratexias DUSI. Así mesmo, tamén se organizou a chamada Comisión de Indicadores e a Axenda Urbana, sendo o Concello de Lalín igualmente incluído nestes conxuntos tras telo solicitado.

 

Os subgrupos relacionados con diferentes obxectivos temáticos nos que Lalín vai estar representado xunto con importantes cidades do Estado Español, son os seguintes:

OT 2. Mellorar o acceso, o uso e a calidade das tecnoloxías da información e a comunicación.

OT 4. Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores.

OT 6. Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos.

OT 9. Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza.

 

Por outra banda, Lalín formará parte de todos os grupos de seguimento tales como a Comisión Específica e Independente de Indicadores e a Axenda Urbana. Casares mostrouse moi satisfeito de que a RIU incorporase o Concello de Lalín en todos os grupos de traballo e de seguimento das estratexias urbanas europeas, dándolle especial importancia á inclusión da vila na Axenda Urbana, un organismo trascendental á hora de decidir os criterios a través dos que se elaboran as estratexias e que Fomento ten en conta especialmente para avaliar os proxectos e distribuír os fondos europeos para o desenvolvemento urbano. Neste sentido, o tenente de alcalde manifestou especial satisfacción polo feito de que Lalín poida expresar a súa opinión en relación ás estratexias de desenvolvemento urbano, xuntamente con cidades de tanta relevancia como Barcelona, Sevilla ou Málaga, entre moitas outras. Ademais, adiantou que Lalín participará na primeira reunión de presentación do grupos de traballo que se celebrará o vindeiro día 25 de abril en Málaga e que tamén servirá para abordar outros temas de interese para as cidades, como o novo período de programación de axudas europeas.

 

Para González Casares que una vila de apenas 20 mil habitantes poida estar representada na toma de decisións relativas aos proxectos de desenvolvemento europeos é unha evidencia do traballo e da xestión do Goberno para non descolgarse deste tipo de cuestións de tanto interese mediante as que se pode optar á consecución de fondos FEDER.

TAGS