Ir o contido principal

Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER)

O concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Nicolás González Casares, anunciou hoxe que o Concello de Lalín vai dar comezo en poucos días á que será a primeira obra física executada con cargo aos fondos europeos da estratexia DUSI “Lalín Ssuma21”. Concretamente, esta primeira actuación enmárcase dentro do plan de recuperación social do barrio do Manuel Rivero e consistirá na consolidación da estrutura das vivendas número 3 e 5 desta rúa, co obxectivo de solucionar as carencias estruturais detectadas nestes edificios e facilitar a seguridade como paso previo ás actuacións de rehabilitación que se van levar a cabo nestes inmobles e no entorno. A obra vén de ser adxudicada por 23.750 euros a Vilariño Movimiento de Tierras y Obras S.L, que presentou a oferta máis vantaxosa entre as 5 rexistradas.

O Plan de recuperación social do Barrio do Manuel Rivero suporá a rexeneración urbana da área deste antigo centro educativo mediante un investimento que roldará o millón de euros. Unha das fases desta intervención que busca evitar o deterioro da zona e aumentar o seu interese social, consiste na rehabilitación parcial das vivendas con fins sociais. Esta obra vai comezar a ser executada a través do obradoiro de emprego Rivero Social Lalín, motivo polo que se fan necesarias as mencionadas obras previas, tal e como xustifica o arquitecto urbanístico do Concello de Lalín. Os inmobles presentan un deficiente estado de conservación con danos estruturais na cimentación que é urxente arranxar en aras de garantir a seguridade das persoas que posteriormente traballen no seu acondicionamento.

 

A xuízo técnico as deficiencias estruturais débense a asentos diferenciais na cimentación do edificio provocados polo lavado do terreo de apoio dos muros de cimentación da edificación debido á vertedura incontrolada de augas pluviais dende a cuberta, ao carecer de arquetas de recollida na súa fachada traseira, así como ao mal estado do colector existente na beirarrúa xunto á fachada principal, que provoca o lavado do terreo e os conseguintes afundimentos na cimentación. Xunto con esta situación engádese a existencia dun oco de paso duns 2 metros de lonxitude e de solo a teito no muro de carga medianeiro entre as edificacións nº 3 e 5. Para solucionar esta situación o proxecto a executar consistirá no recalce parcial da cimentación (reparación dos cimentos) existente nas zonas afectadas, así como na colocación dun colector enterrado para a evacuación das augas pluviais que verten ao patio exterior. Así mesmo, considerase necesaria a substitución e reposición parcial de soleiras en locais da planta baixa debido ao seu afundimento. As alternativas de actuación pasan pola consolidación da cimentación mediante o seu reforzo e ampliación a través de inxeccións de formigón armado.

 

O proxecto técnico para a execución desta actuación foi realizado polo técnico municipal e unha vez sexa asinado o contrato coa empresa adxudicataria os traballos deberán estar rematados no prazo máximo dun mes.

 

González Casares sinala que, aínda que a reparación da estrutura das vivendas é unha intervención de pequena dimensión, trátase do primeiro paso de cara a realización dunha das actuacións máis importantes das incluídas dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma21, que se financiará con fondos da Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como é a recuperación do barrio do Manuel Rivero. Este proxecto recentemente presentado ante a cidadanía servirá poñer en valor unha superficie de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono.

TAGS

Praza de Galicia, 1, 36500, Lalín